viernes, 3 de mayo de 2013

Apuntes de Toponimia do concello de VIVEIRO

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello.
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terras e lles deron nome.
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
___________________________________________________________

A ABELLEIRA (Galdo)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxa
me". Moitas veces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.
Alternativamente, pode ter unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab–.
Aínda que o apelativo "abelleira" teña tamén a acepción de "herba abelleira" (melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a orixe: sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.

A ABRELA (Covas)
Diminutivo de "abra" 'baía pequena onde poden fondear as embarcacións' (cf. aquí).

Sobreira  definía "abra"  como "cualquier espacio de mar en la tierra, sin puerto ni
nada" (cf. J. Sobreira, Fr. J. "Papeletas de un diccionario gallego. Ms. s. XVIII", Ed. de J. L. Pensado. 1979).

A AMEIXOA (Vieiro)
A orixe do nome deste núcleo habitado é incerta. Posibelmente estea relacionado cos topónimos "Ameixón" existentes no concello e noutros.
Nicandro Ares considera Ameixoa como diminutivo do substantivo "ameixa" ‘molusco bivalvo comestible’ (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011). Porén, non parece moi probable esta orixe para un topónimo.
Alternativamente, este topónimo é interpretado como posíbel diminutivo do homónimo "ameixa" 'froita da ameixeira', do latín damascēna e con abundante presenza na toponimia. Cf. C. Pérez. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá", 2015.
Alternativamente, cremos que tampouco se pode descartar unha orixe en *mansionola, diminutivo do termo latino mansione 'pousada'. Tamén podería estar relacionado co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas, as galiñas, etc).

A ARADA (Landrove)
Sen documentación antiga que probe o contrario, o máis probabel é a orixe obvia en "arada", do verbo "arar". Existen topónimos similares relativos a tareas agrícolas, tais como "As Cavadas".
Alternativamente, podería ter unha orixe en "hedrada". Así tería evoluído do latín hederata > a eerada > a erada> a arada, tal como postula Martínez Lema (cf. aquí).
Tamén podería vir de "adrada", de "adra", "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal". De feito rexístrase o topónimo "Adrado" en Covas.
Finalmente, aínda nos queda tamén a alternativa prerromana: Edelmiro Bascuas apuntou a posibilidade de parte dos topónimos "Arada" existentes na xeografía galega e portuguesa ter derivado da forma *arat-, presente en hidrónimos de orixe paleoeuropea, formada da raíz indoeuropea *er-'moverse'. Cf. p. 31 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A ARMADA (Galdo)
Unha "armada" reférese a unha trampa para cazar animais.

A ARREDOADA (Landrove)
Do verbo "arredoar", coas dúas acepcións: "rodear, ir arredor" e "redondear".

A ASNA (Landrove)
Orixe incerta, podería ter a orixe no termo "asno", quer referido ao alcume dun antigo posuidor, quer a unha situación anecdótica.
Alternativamente, pode derivar da raíz paleoeuropea *ap-s-, frecuente en hidrónimos. Cf. p. 179 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A ÁSPERA (Magazos -lugar do Outeiro)
Alén do posible significado relativo a "terreo áspero", tamén se refere a terreo de bouza, ou terreo escarpado. Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca" (cf. pp. 306 de A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa". 1977).
Falta comprobar se tamén neste caso (o mesmo que ocorre e.g. no caso da "Aspra" das Negradas), parece corresponder á acepción rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa (cf. aquí).

A ATALAIA (Celeiro)
Unha "atalaia" é un lugar de vixilancia; neste caso sería de vixilancia para a captura das baleas e similares similares que entraban na ría. Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Balea".
Hai topónimos "Atalaia" en toda a costa da Mariña: en Bares, Viveiro, Xove, Burela, etc.


A BALEA (Viveiro -lugar de Naín)
Sendo un sitio baixo, de prados, talvez lugar onde se transportou unha balea. A pesca da balea era unha actividade pesqueira común no Cantábrico antigamente.
Posiblemente relacionado co avistamento ou pesca da balea.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao aparecen citados en 1291.
Nos primeiros tempos, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos.  A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente aos baleeiros vascos. 

A captura intensiva neses séculos levaría á práctica extinción  da especie nas costas galegas a finais do século XVII, cesando a actividade baleeira costeira.
Cf. aquí.

Figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares:  "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor". Tamén figura en 1349 un "Johan Peres baleeyro", en Pontedeume, cando actúa de testemuña (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

A BALGUETA (Galdo)
Ver "A Valgueta".


A BALSA (Valcarría)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
F. Villar derívaa da raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s-. Cf. p. 299 de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".
Alternativamente, cremos que podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p. 315, E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

A BANDEXA (Faro)
O topónimo "Bandexa", presente tamén en Cervo, no Valadouro e noutros lugares, aínda que semelle un significado transparente, moi probablemente non tén relación algunha, senón que se trata dun hidrónimo de orixe prerromana indoeuropea.
O máis probábel, tendo en conta as razóns dadas por E. Bascuas e outros autores (V. Cocco ,J. M. Blázquez) para derivar topónimos como "Banduge" ("bandugium" en 1115, en Mesão Frio), semella que "Bandexa" derive da raíz hidronímica indoeuropea *band- 'gotear' (IEW 95). Cf. p. 51 de E. Bascuas "Aquis Ocerensis .." in ""Paleohispánica", núm 7, 2007 (aquí).

A BARALLA (Boimente, Galdo)
Este topónimo ten un significado e unha orixe controversa.
No galego medieval, e aínda conservado, "baralla" tiña o significado de "rifa, disputa".
O profesor Bascuas tamén a trata parcialmente, asignándolle este significado de "rifa", polo menos no caso de "Baralláns". Cf. aquí.

En Galiza existen "A Baralla", "As Barallas", "Baralloca", "Baralloá", "Baralló", o que demosntra que era un apelativo de uso común antigamente. Hai quen explica "Baralla" polo frecuente uso na toponimia deste apelativo para denominar certas paraxes con nomes deste estilo, por seren lugares onde xurdiron litixios pola súa propiedade ou usufruto. Porén, parece haber excesivos topónimos "Baralla", e semella unha excesiva cantidade de "rifas".

Segundo M. Pidal, derivaría de varalia 'sebe de varas'. Cf. aquí. Esta etimoloxía alternativa parece encaixar máis con un topónimo frecuente.

A BASANTA (Covas)
Posiblemente de "A (agra/terra) de Basanta", sendo "Basanta" o apelido do posuidor.
O nome "Basanta" é de orixe prelatina, co elemento prerromano "-nt-".

A CALEIRA (Chavín)
Este topónimo, relativamente frecuente en Galiza, indica un "lugar onde se extrai o cal, ou forno onde se queima o cal". Cf. aquí.
Aínda que o apelativo "caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería extraño tal frecuencia de topónimos referidos ao nome dunha planta sen uso especialmente relevante. Aínda máis sendo o nome en singular, referindo por tanto á presencia dunha única planta.

A CAMBELA (San Pedro de Viveiro, Valcarría e Magazos)
Unha "cambela" é un pau retorto. Por extensión, un arado antigo.
Unha orixe alternativa sería do diminutivo de "camba".
Podería referirse a un alcume de antiga propietaria (ou propietario: "O da Cambela").


A CANCELA das ABROTIAS (Boimente)
Unha "abrotia", "abrótea" ou "abrótega" é unha "planta herbácea medicinal e ornamental, da familia das liliáceas".
Aínda que poida parecer extraña a referencia a esta planta, este topónimo non é un caso illado: así atopamos "A Chaira das Abrotias" en Lobios (Ourense), "A Chan das Abrotias" na Lama (Pontevedra), ou "A Revolta das Abrótegas" en Aranga (A Coruña).

A CARBALLA (Covas)
Unha "carballa" é un carballo grande, centenario.


A CARREIRA (Covas, Magazos)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

A CASILLA (Celeiro)
O nome "casilla", é un castelanismo por "caseta", "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852.
É un topónimo moi extendido en Galiza, e que, en moitos dos casos, tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

A CATADOIRA (Boimente, Galdo)
Podería ser "captatoria", posto de "observación" ou de "caza". Existen outras, por exemplo na Régoa (Cedeira), e Catadoiro en Vieiro.
Ver >>entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para outras interpretacións.

A CERNADA (Vieiro, Galdo)
O termo "cernada" viría do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de "roza": facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía". Vicente Risco, "Terra de Melide".

A CONDOMIÑA (Landrove)
Do latín condominia, terras cuxo dominio é compartido entre varios donos.

A CONGOSTRA (varias)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo, córrego".
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. Cf. aquí.

A CORNA (Landrove)

Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa'. É un topónimo relativamente frecuente en Galiza.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia"). 

Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun senso metafórico orográfico (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

A CORTIÑA (Valcarría -lugar de Seixas Blancas)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e cohorticulu ‘cortello’.
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTOIRA (Valcarría)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, pódese ver este blog >> aquí.

A CROA (Landrove, San Pedro de Viveiro)
De "coroa", cima de monte redondeada, frecuentemente correspondente coa parte alta dun castro.

A CRUZ DO VASCO (Valcarría)
Cruz referenciada a unha persoa de nome "Vasco" (cast. Velasco)

A CURRIPA (Galdo)

O termo "corripa" ten a mesma orixe que "curro" e máis "curral", a partir da raíz
prelatina *cor(r)-  'cercado circular'. En corripa incúe o infixo -ip- de
carácter diminutivo (cf. F. Krüger. "Problemas etimológicos. Las raíces car-, carr- y corr- en los dialectos peninsulares").
A corripa é rexistrada nos dicionarios como ‘pequeno cercado no que se botan os ourizos a curtir’. No dicionario de E. Rodríguez rexístrase o uso como "carreiro estreito e pouco transitado, que só se usa para dar paso a algunhas fincas".

A CURUXEIRA (San Pedro de Viveiro)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

A DEVESA (Galdo)
Do latín terra defensa 'terra resguardada, vedada'. Significa "terras cercadas". Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

A ESCORA (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Unha escora é un "esteo, arrimo, puntal". Cf. aquí.
Unha orixe alternativa sería da deturpación de "escoura" ("escoria").

A ESTIVADA (Chavín, Valcarría)

Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
Concretamente, o termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo. 
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta. 
  • Peche dunha herdade con terróns. 
Para maior detalle, ver o estudo de Gonzalo Navaza aquí, así como a información indicada por Eladio Rodríguez  aquí.

A FIGUEIROA (Galdo)
Diminutivo de figueira.

A FONTE DO OURO (San Pedro de Viveiro)
A frecuencia de "Fonte do Ouro" na toponimia galega fai pensar en que, en lugar de ser referido a unha anecdota ou lenda asociada co apelativo "ouro", do latin aureum 'dourado' teña máis ben outra orixe que explique esta frecuencia.
Cremos que esta orixe alternativa sería a mesma que a do cercano "río Ouro", que está documentado na Idade Media como Aurio, e para o cal tanto E. Bascuas como outros autores relacionan coa raíz hidronímica prerromana *awer- 'fluír', termo paleoeuropeo. Cf. e.g. aquí. Cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Porén, outros autores como e.g. Villar relacionan a orixe do río "Ouro" co latin aureum, "de ouro", "dourado" (cf. aquí).

A FORCADA (Covas)
Posiblemente relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

A FURADA DOS ASNOS (Covas)
Orixe incerta. Podería derivar do termo "asno", quer referido a unha situación anecdótica, quer ao alcume dun antigo posuidor. No entanto, parece improbable.
Alternativamente, pode derivar o elemento paleoeuropeo *ap-s-, frecuente en hidrónimos, e derivado da raíz indoeuropea *ap- 'auga'. Cf. p.179 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Esta segunda alternativa semella a máis probable, se temos en conta os topónimos "Poza do Asno", "Ponte do Asno", "Punta do Asno", etc, relacionados coa hidronimia.

Existe tamén un "Os Asnos" en Burela.

A GALEA (Valcarría)
Unha galea é un tipo de embarcación.

A GALIÑEIRA (Vieiro)
Os topónimos "Galo", "Galiña", "Galiñeira", "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con montes e formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.

Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, nos casos que coñecemos non sempre parecen corresponder con estas "cristas".

A GARITA (Boimente)
Posiblemente relativo a un posto de vixilancia. Existen outros topónimos "garita" en moitos outros concellos galegos.

A GOLPILLEIRA (Boimente)

Unha "golpilleira" refere a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.
Existen varios topónimos en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

A GRAMELA (Boimente)
Unha gramela é unha armadilla ("trampa") para cazar lobos ou raposos.


A GRANDACHÁ (Magazos -lugar de Lamas de Galdo)
Composto de "Granda Chá".  O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan. As tres formas Gándara>Gandra>Granda son comúns en Galiza.

A ILLA da ANCHOUSA (Covas)
Grafía alternativa por "enchousa", unha "chousa grande", "finca grande cerrada ('chousada') con muro ou valado" (cf. DdD).

A LAGOA (Galdo)
Do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese senso de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media : "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tombo de Celanova).

A LAMESTRA (Galdo)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama" ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove).

A LOBEIRA (Celeiro)
O nome "lobeira" indica "gorida de lobos". Cf. aquí.

A MARALEIXA (Chavín -lugar da Maraleixa)
O nome "Maraleixa" proviría de "María Aleixa". Por toda a Mariña atopamos topónimos similares, moi probabelmente coa mesma orixe nun composto de "María". Así, atopamos "A Marapega" no Vicedo, así como "A Maraboa" e "A Maradona" en Barreiros. Igualmente, xa sen síncope, atopamos a correspondente "A María Dona" en Silán (Muras).

A MIÑOTEIRA (Chavín -lugar de Tarabelos)

Unha miñoteira refere a un sitio (posibelmente arboreda) no que moran ou pousan os miñotos (tamén chamados miñatos ou buxatos), ave de rapina moi común. 

A NAVIA (Landrove)
É aceptada a orixe prerromana de "Navia", aínda que os autores discuten se se trata dunha palabra celta ou se paleoeuropea (pre-céltica). 

Polo xeral acéptase para "navia" unha orixe hidrónimica indoeuropea, talvez da raíz indoeuropea que Pokorny reconstrúe como *enebh-,‘húmido, auga’, de onde tamén ‘vapor, néboa, chuvia’.
J. Moralejo recolle aquí unha relación de distintas hipóteses.

A OUCHEIRA GRANDE (Covas -lugar da Insua)
Posiblemente forma alterada de "A Ucheira". Ver "As Ucheiras".

A PAINCEIRA (Galdo)
Lugar con paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo.

A PALEIRA (Galdo)
Unha "paleira" (tamén "pala"), nome de orixe prelatina, defínea o dicionario como "cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais". Cf. aquí. Antigamente, o significado incluiría o de "cavidade refuxio de pastores e de gado". Cf. aquí.

A PALLAREGA (Boimente)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "casa pequena cuberta con palla", "Palleiro", "Restrebas" (cf. aquí).
Semella máis probable a acepción de "casa cuberta de palla", pois os topónimos "A Pallarega" e "As Pallaregas" referen xeralmente a núcleos de poboación.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos "A Pallarega" en Cervo e en Muras, así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

A PARDIÑEIRA (Covas, Vieiro)
Unha "pardiñeira" indica un lugar deshabitado, similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
Hai "Pardiñeiras" por toda Galiza, incluindo "As Pardiñeiras" en Mogor, "A Pardiñeira" en Riobarba , en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc.

A PARRAGUESA (Galdo)
Probablemente xentilicio, de "orixinaria de Parga", antigamente chamada Párraga.

A PASADA DA MEIXÓN (Boimente)
A grafía correcta debe ser "A Pasada do Ameixón".
O apelativo "pasada" indica indicaría un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón ("A Pasada do Rego"), en Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", ..).
Canto a "ameixón", podería estar relacionado co verbo "ameixoar" 'xuntar os animais domésticos' (quer as ovellas, as galiñas, etc.).
Tampouco podemos rexeitar que "meixón" se refira á "cría da anguía", máxime cando se trata dun "paso" do río.

A PENA DA AMOSA (Galdo)
O topónimo "amosa" deriva da raíz paleoeuropea *am- 'suco, canle, cavar', frecuente en hidrónimos de orixe prerromana. "Amosa" é estudado explicitamente por Bascuas. Cf. p. 220 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Hai múltiples hidrónimos relacionados, tais como "fonte da Amosa" en Recaré (O Valadouro).

A PENA DA GALIÑA (Boimente)
Os topónimos "Galo", "Galiña", "Galiñeira", "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con montes e formacións rochosas. Neste caso, o feito de ser unha "pena", reforza esta interpretación; proviría, entón, do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, nos casos que coñecemos non sempre parecen corresponder con estas "cristas".

A PENA DIAGA (Magazos)
Orixe incerta, talvez unha das seguintes:

  • "Iaga" ou "Diaga" podería derivar dun elemento pre-latino, pola terminación "-aga" 
  • Pena do "demo". Rexistrase os eufemismos "diángaro" e "diaga" por veces con este termo. Cf. e.g. aquí
  • Pena da aiga 
  • talvez xentilicio "Pena da Iaga". 
  • O termo "diaga" pode ser un eufemismo por "diaba", co cal sería "Pena do demo". 
A PENA DO OURO (Boimente)
O mesmo que para "Fonte do Ouro", e "Río do Ouro", a frecuencia de "Pena do Ouro" na toponimia galega fai pensar en que, en lugar de ser referido a unha anecdota ou lenda asociada co apelativo "ouro" (do latin aureum 'dourado') teña máis ben outra orixe que explique esta frecuencia.

Cremos que esta orixe alternativa sería a mesma que a de "Fonte do Ouro", e "Río do Ouro", o cal que está documentado na Idade Media como Aurio, e para o cal tanto E. Bascuas como outros autores relacionan coa raíz hidronímica prerromana *awer- "fluír", termo paleoeuropeo.

A PENA FALADORA (Faro)
Posiblemente de "falar", nun sentido extenso, dun xeito similar a "monte Bufadoiro" no Vicedo, e "A Pena que Fala" en Frexulfe (Valadouro), e a "Serra da Faladora" en Mañón.

A PENALBA (Celeiro -lugar do Castelo)
Composto de "Pena Alba". 
O termo "alba" corresponde co latín alba "branca". 
Xa aparece atestado no ano 877 como "Peinaalba" (cf. p.77 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm.7, 1991). Posteriormente figura como Pennam Albam (".. aqua Albam usque Pennam Albam ..") no Século XII. Cf. "Tumbo de Lorenzana", in "Estudios Mindonienses". 1992).
Alternativamente, aínda que improbable, "Alba" podería derivar da raíz paleoeuropea *alv-, frecuente en hidrónimos. Cf. pp. 271 e 275 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A PESQUEIRA (Covas)
Denomínase "pesqueira" (do latín piscaria) ao lugar onde se capturan salmóns e outros peixes, polo xeral perto dos muíños ou aceas.
En concreto, unha "pesqueira natural" designa unha pedra, illote ou calquer outro accidente natural onde colocar os aparellos de pesca. No caso dunha "pesqueira artificial" designaría unha presa de pedra situada en diagonal no curso do río, desde onde se pesca o co que se desvía a auga para poder pescar. Nas aberturas que deixan estas presas colocaban nasas, daí os topónimos "Naseiro" existentes en Galiza.
As pesqueiras xa aparecen documentadas na Idade Media a partir do século IX (cf. aquí). Por extensión, chámanse "Pesqueira" tamén ás pequenas cascadas (cf. aquí).

Alternativamente, aínda que improbable, pódese interpretar "pesqueira" como derivado do latín pascuaria ´lugar de pastizais', derivado de pascuum 'pastizal'.

A PONXEIRA (Boimente)
De "(terra) ponxeira", terra onde abunda a "poexa" ou "poenxa", a planta mentha pulegia.
Os dicionarios rexistran tamén "punxa" coa acepción de "leña do monte".

A PRAIA DA ARNELA (Faro)
Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleoeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga".
O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato". Cf. aquí. Este significado parece tamén encaixar por analoxía co concepto de " canaleta para conducir a auga" citado antes.
Existe outro "Arnela" no Valadouro, portanto sen moita relación a priori con "praia". Tamén existe o topónimo "Arneeira", o cal, cremos, desbotaría a relación directa dos abundantes "arnela" co latín arenella (diminutivo de area).


A PRAIA DE SEIRAMAR (Covas)
O topónimo "Seiramar" ten moi probabelmente unha orixe prerromana.
En efecto, dado o contexto de hidrónimo, encaixa coa interpretación de Bascuas dada para "Fonteseira" e "Monteseiro" (<Monte Seiro),relacionadas coa forma hidronímica paleoeuropea *ser-, *sor- 'fluír', o mesmo que o viciño río Sor. Cf. p. 530 de E. Bascuas "La hidronimia de Galicia. Tres estratos .." in "Estudios Mindonienses", núm. 24.
Existe tamén unha "Praia das Seiras" en Porto do Son.


A PUIDA (Viveiro -lugar das Cortes)
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante", posiblemente referido ás características das terras.
abe a posibilidade remota de que proveña dunha posuidora con ese alcume (ou propietario: "O da Puída"), aínda que sendo un núcleo de poboación semella máis improbable. A relativa frecuencia do topónimo volve aínda menos probable esta hipótese.

A PUNTA DA ANCHOUSA (Covas)
Unha "enchousa" é unha unha "chousa grande", "finca grande cerrada ('chousada') con muro ou valado" (cf. DdD).

A PUNTA DA ARNELA (Faro)
Ver "A Praia da Arnela".

A PUNXEIRA (Boimente)
Ver "A Ponxeira".


A RAÑA (Magazos)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso. Segundo o DGPE: Raña, nome duns vinte lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc, cuxo sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal, sitio raído ou arrastrado pola acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras".

No dicionario figura "raña" con varios significados, dous deles válidos para un topónimo: "Terreo alto e de monte pobre". "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".
Rivas suxere para o topónimo unha raiz preindoeuropea *ra-, *ro- que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín". Porén, Bascuas non fixo referencia a "raña" cando estuda os derivados da raíz indoeuropea *er- 'moverse, fluír', frecuente na hidronimia europea (E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

A REGA (Galdo -lugar da Trave, varios)
Unha "rega" é definida como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe prerromana, dun tema paleoeuropeo *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. E. Bascuas aquí.

A RILLEIRA
(Viveiro)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén "respaldo do escano". Cf. aquí.

Posiblemente deba interpretarse como a segunda acepción, pola orografía inclinada do lugar, ou tamén na primeira acepción como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe noutro termo de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *er- presente na hidronimia europea e estudado por Bascuas (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A RINXELA (Vieiro)
Podería derivado de "rinxir", "rechiar, tremer" (cf. aquí), nun significado de "lugar que rinxe", do mesmo modo de derivación que "Pimpela" 'que pinga'.
No entanto, este lugar non está situado nun lugar alto onde sopre o vento, senón ao pé da ría, e sen nengún regato próximo que produza nengún son, polo que non parece encaixar a interpretación indicada.
Alternativamente, estando situado este lugar no esteiro do río Landrove, é tamén posible unha orixe relacionada coa forma *re-/*ri-, da raíz indoeuropea *er- 'moverse, fluír', frecuente na hidronimia europea. Esta relación tamén podería vir a través do latín, tal como ocorre no caso do topónimo "Rinlo" (Covas). Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A RUBEIRA (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Rubir significa "subir", "aganchar". Rubeira significaría algo como "aganchadoira", "trepadoira".
Alternativamente de "A (terra) rubeira". Ver o termo "Rubás" para máis detalles.


A SEARA (Chavín)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado.
Ten orixe prerromana, derivada dunha forma sénara. Corominas asígnalle unha posible orixe celta, talvez de sena ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

A SENRA (Chavín, Landrove)
O mesmo que "Seara".

A SILVAROSA (Covas, Vieiro)
Probablemente teña orixe no latín Silva hederosa, "bosque con hedras". De feito, na Fonsagrada, existe un "Silvadrosa", moi probablemente con esa orixe (cf. Piel). Esta é tamén a opinión de Navaza para este topónimo (cf. G. Navaza, 
2006. "Fitotoponimia Galega").
Tampouco podemos descartar que se trate dun adxectivo abundancial, indicando un "lugar onde abundan as silvas". Aínda que os dicionarios non rexistran este termo (o habitual sería "silveira" ou "silveiral"), si rexistran "silvaral", polo que silvarosa quedaría igualmente explicado, sendo ambos, -al e -osa, dous sufixos abundanciais, o cal ocorre noutros topónimos.

A SILVELA (Faro)
O termo "silveira" neste caso non correspondería coa planta chamada actualmente "silva", senón co significado orixinario en latín de silvella 'pequena fraga'.

A TAFONA (Magazos)
Unha "tafona" é un muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou múo). Deriva do árabe tahuna "moa do muíño; muíño". É unha das poucas palabras patrimoniais de orixe árabe existentes no galego.
Outro significado é o de lugar onde se coce e vende o pan, mais o máis probable é a outra acepción.

A TELLEIRA (Landrove, Magazos -lugar de Bimbial), A TILLEIRA (Boimente)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

A TOMBA DA SERRA (Galdo -lugar das Penas da Serra)
O termo "tomba" neste caso podemos asumir a acepción de "lomba, ribazo", aínda que non podemos descartar a relativa a "tumba, túmulo".

A TORA (Covas)
O prestixioso E. Bascuas analizou este topónimo, dun tema hidronímico *tur- de orixe paleoeuropea (pre-céltica), derivada da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Bascuas rexeita a relación coa raíz homónima *tur- relacionada con orónimos (cf. p. 307 de E. Bascuas,
 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
Cremos extremadamente improbábel a orixe no patronímico Theodora, que Nicandro Ares postula, pola extremadamente baixa presencia de antropónimos femeninos en núcleos de poboación. De feito, xa a postula con interrogantes (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I). 

A TORRE (Celeiro, Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín, Landrove, San Pedro de Viveiro, Valcarría)
O termo "torre" nestes topónimos non se refere estritamente a torres , senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.

A TRABE (Galdo)
Os topónimos "Trabe" foron estudados por varios filólogos, como Bascuas, que apuntou a unha relación co tema paleoeuropeo *traw-, presente en hidrónimos, cun significado por veces similar "a charca", e derivado da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'. No entanto, o termo "trabe" admíteo con dúbidas, ao non poder separar os casos relativos a hidrónimos daqueles, aínda que improbables potencialmente existentes, que derivarían do latín trabs/trabis 'viga', o significado "viga" en topónimos (cf. p. 329 de E. Bascuas, 
2006.  "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 
Se examinamos os topónimos "Trabe" existentes en Galiza, dáse cunha alta frecuencia en hidrónimos (Poza da Trabe, Río da Trabe, Val da Trabe, Val das Trabes, Fonte das Trabes), o cal parece afirmar a relación de "Trabe" con hidrónimos.
Existe "Trabazos" en Muras, claramente hidrónimo (de *Trawatio).

A TRASPOSTA (Viveiro)
Lugar situado "tras da posta". Unha "posta" era un lugar de parada situado nas estradas e camiños, onde antigamente remudaban os cabalos das dilixencias, correo, etc.

A TRAVE (Galdo -lugar da Trave)
Ver "A Trabe".

A VACARIZA (Vieiro)
O termo "vacariza" é recollido polos dicionarios de galego co significado de "curtidoría de peles". Cf. aquí.

A VALGUETA (Galdo)
Diminutivo de "valga" 
(do latín vallica), o cal tén varias acepcións: 
1. Sopé dun monte (Vilamaior, Guntín).
2. En Pontevedra, un val ben marcado .
3. En Gorgullos, A Coruña: "valgada" (de valgar 'encurvar, facer val', dun verbo *vallicare. cf. FrampasII).

A XIMARÁ (Vieiro)
O nome probablemente proveña dun xentilicio, talvez Silimarus, Gilimarus ou Genemarus, a través da forma (terra) Silimarana, Gilimarana ou Genemarana, respectivamente. Cf. A. Boullón aquí, e aquí e aquí.
O topónimo "Pena de Ximarao", en Cedeira, parece confirmar a relación cun deses xentilicios.

Alternativamente, moitos autores (xa Piel e Kremer, tamén G. Navaza, etc) interpretan estes topónimos como orixinados en Wimarana (de Wimarus), sendo a extraña evolución do fonema inicial interpretada como unha posible ultracorrección dunha pronuncia "Ghimará", con gheada. No entanto, como indica Boullón Agrelo (cf. aquí), estes topónimos ocorren tamén en áreas lonxe da zona con gheada, e non se dá en moitos outros topónimos similares.

Existen múltiples Ximará, como en Xuances, e moitos topónimos similares, como Ximarás en Muras, Alfoz e Cospeito, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, etc.

A XIMARREIRA
(Galdo)
Tendo en conta que o topónimo "As Ximarreiras" existente no concello de Xove corresponde a unha ladeira/encosta, parece plausible asignarlle un significado relacionado con "sima", no senso de "precipicio".
Esta hipótese tamén parece confirmarse neste caso de Galdo, onde hai un terraplén moi próximo ao lugar.
Existe tamén o topónimo "As Ximeiras", en Palas de Rei.

A XOTA (Vieiro)
Unha xota é un vástago, un brote longo e dereito de árbore (cf. aquí).

ABELEDO (Galdo -lugar das Chairas)
Indica un terreo onde abundan as abeleiras.

ABUÍN (Boimente, Valcarría)
De (uilla) Avolini, forma en xenitivo de Avolinus, referindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("expotación agraria"). Este é un nome de orixe latina.

ACEAVELLA (San Pedro de Viveiro -lugar dos Muíños)
De "acea vella", onde unha "acea" é un muíño fariñeiro que move a auga por medio dunha gran roda colocada verticalmente.


ALAMPARTE (Landrove)
Fermoso nome, a partir de "alemparte", un adverbio arcaico co significado de "da outra banda, do outro lado", aplicado a terreos e lugares, posiblemente indicando "da outra banda do río".

ALBOI (Celeiro, Faro)
De *(uilla) Albonii, forma en xenitivo de Albonius, referindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("expotación agraria").

ALFEIRÁ (San Pedro de Viveiro)
Significado asociado a unha das seguintes posibilidades:
* Podería vir de alcume de 'persoa que se alfeira ("encrespa, irrita") facilmente'.
* Derivado de "alfeiro": "coidador de porcos". É un termo recollido no galego medieval e no portugués actual. Cf. aquí e aquí.
* Derivado de significado alternativo de "alfeiro": "gado que non cría. É un termo tamén recollido no portugués actual. Cf. aquí.

ALLÁS (Chavín)
Plural de "allal": "alleiro", terreo plantado de allos. Cf. aquí. A existencia do topónimo "Allares" en Valcarría reforza esta hipótese.
Co maior respecto para Nicandro Ares, cremos improbábel a orixe que postula, do patronímico Allius: aínda que non se poida descartar totalmente, sería extraño, pois tería sido unha forma mixta, derivada a partir do xenitivo xermánico Allianes, non imposíbel mais improbábel. Se xuntamos esta baixa probabilidade coa alta ocorrencia como fitotopónimo (e.g. en Valcarría), aplicamos a "navalla de Occam" e decantámonos por ser plural de "allal", sen complicármonos máis. 

ALLARES (Valcarría)
Posiblemente deba ser interpretado como "alleiro": terreo plantado de allos. A existencia do topónimo "Allás" en Chavín reforzaría esta hipótese. No entanto, Navaza mantén a dúbida sobre a súa orixe 
fitotoponimia (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
Existe un "Os Allás" en Viveiro, "A Alleira" en Xove. Para Allares (Viveiro), Navaza mantén a dúbida da súa orixe semántica.
Alternativamente, podería interpretarse como variante de "anllares", do latín angularis, indicando un punto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. A outra interpretación de "allar/anllar" ("espazo ao lado da lareira onde se ten a leña") que apunta Nicandro Ares, pois sería un topónimo "anecdótico" que non parece encaixar, máxime coa certa frecuencia en que aparece na topoinimia galega: "Allar" aparece unha vez, no Porto do Son, e "Allares" aparece en Viveiro, en Xove e en Coirós. Esta frecuencia non se explica para o "lugar ao pé da cociña onde se garda a leña", máxime cando, por exemplo, o termo "lareira" apenas aparece dúas veces na toponimia galega.

Non cremos que derive do patronímico Allarius, postuado por Nicandro Ares (cf.  N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega". Vol I.), pois tería que derivar dun caso nominativo latino, extremadamente infrecuente. 

ALTAMIRA (Viveiro, Galdo, Faro)
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e no resto da Península. Aínda que pareza ter un significado transparente, moi probablemente non ten nada que ver co verbo "mirar", senón que é un topónimo de orixe prerromana.
De feito, mira é un elemento presente en hidrónimos como Mirante (<*Mira-nt-i), Miranzo (<*Mira-nt-io), etc, que inclúen sufixos -nt- de orixe prerromana. É interesante reparar tamén en Mirela, coa típico diminutivo do cauce alto dos ríos (e.g. o "Sarela"), que volve a confirmar o carácter hidronímico do elemento *mira. Para confirmar aínda máis este carácter hidronímico, estes casos de Viveiro e Galdo, os "Altamira" están situados á beira do río. Da mesma raíz tamén derivarían outros hidrónimos como "Mera".
En canto ao elemento inicial "al-t-", podería corresponder coa raíz indoeuropea *al- 'elevar', o mesmo que o latín altus ou o celta alto.


No entanto, tamén podería ter acontecido que a orixe do
s tres topónimos "Altamira" existentes no concello tivesen relación co viscondado de Altamira, talvez este fose o lugar orixe de tal viscondado ou ben simplemente propiedade do viscondado, tal como comentamos de seguido. 
Viveiro pertenceu no século XV ao primeiro Visconde de Altamira, e quenon é claro se a orixe do viscondado de "Altamira" foi en Galiza ou non. Parece ter sentido que fose así, e que tivese a orixe na poboación de "Altamira" en Galdo. Alternativamente, tamén se postula que tivese a orixe na "Altamira" de Cabezón de Pisuerga (Valladolid), un cerro onde houbo unha fortaleza até o século XIX (cf. aquí); sexa como for, tal como indicamos, poderia ser que o nome referise a propiedades do dito viscondado.

ALVARELLE (Covas)
Podería corresponder con (uilla) Arborelli, forma en xenitivo de Arborellus, nome en diminutivo dun posuidor chamado Arborius.
Alternativamente, o termo podería proceder dun dimunutivo de árbore, arborella, que tería evolucionado a arborelle como ocorre noutros casos con esta terminación. Cf. aquí.

AMARELÁ (Galdo)
Este topónimo xa foi estudado por Piel, derivándoo de (uilla) Amarellana, indicando que a antiga uilla tería pertencido a unha persoa chamada Amarellus (cf. J. Piel, "Estudos de linguística histórica galego-portuguesa").
Alternativamente, derivaría do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).
Alternativamente, pode derivar do adxectivo amarelo, no senso de "(terra) amarelenta".
Similarmente, Nicandro Ares apunta, citando a Leite, a posibles orixe no nome dunha planta de cor amarela. Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I.

ARALDE (Magazos)
Derivado de *(agru/fundu/uilla) Aroaldi, forma en xenitivo dun posesor medieval chamado Aroaldus, nome de orixe xermánica.
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu; no entanto, tampouco se pode rexeitar a priori que ese lugar tivese sido unha uilla medieval (explotación agrícola).

AREA (Faro)
Antigamente, ata o século pasado probablemente, o apelativo "area" tiña tamén a acepción de "areal", "praia", se ben esta acepción xa se perdeu en favor do termo "praia". Daí que atopamos na toponimia praias chamadas "Area Longa" ou "Area Grande".

Concretamente, este núcleo de poboación xa aparece nun documento mindoniense de 877 no que menciona unha "Villam de Arena sub monte de Faro", sen dúbida correspondente con este topónimo. 

En Area estivo a antiga vila romana e altomedieval de Estabañón.  De feito, aínda Area figuraba como "Area de Escabañon" no Censo de Pecheros de 1528, onde Escabañon é  unha gralla por Estabañón. Este antigo núcleo de poboación, do que quedan restos arqueolóxicos, que quedou asulagado polas augas (un estudo da Universidade da Coruña sobre la altura de las mareas do ano 500 A.C.  ata o 500 D.C. concluíu que desde entón o nivel subiu dous metros). As escavacións realizadas hai unha década atoparon alí restos de dúas vilas, unha tardorromana e, encima, outra medieval (cf. aquí).

AROI (Valcarría)
A orixe deste topónimo, ligado a un núcleo de poboación, estaría en (uilla) Aronii ou en 
(uilla) Aaroni, formas en xenitivo respectivamente de Aronius ou de Aaronus referindo ao nome do antigo posesor da uilla (explotación agrícola). Se o nome orixe fose Aronius, tería orixe latina (dunha previa orixe etrusca). Se a orixe for Aaronus, este é antropónimo de orixe hebrea, a través da tradición cristiá greco-latina.
Existen dous núcleos de poboación chamados "Arón", en Cedeira e en Cerdido respectivamente, que terían a mesma orixe. O "Arón" de Cerdido figura atestado en 1473 como "Aroee", o cal semella confirmar algunha das dúas orixes indicadas.

Alternativamente, podería tratarse dun hidrónimo *arone, derivado da raíz paleoeuropea *er-/*or-. Esta é a orixe que propón Bascuas (cf. p. 26 de  E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). No entanto, co maior respecto para o ilustre E. Bascuas, cremos que se pode rexeitar, tratándose os "Arón" e "Aroi" coñecidos de núcleos de poboación, semella moito máis probábel provir dunha forma en xenitivo indicando nome de posesor da uilla altomedieval.

AS ACEÑAS (Viveiro)
Tamén chamado "As Aceas", que é a versión máis común en galego, descoñecemos a razón pola preferencia do termo en castelán cando foi oficializado o topónimo.
Os apelativos "acea" e "aceña" proveñen do árabe. No dicionario "acea" é definida como "Muíño situado nunha ría, que aproveita para o seu funcionamento a auga acumulada durante a preamar". Este foi o caso deste lugar.
As aceas non tiñan "rodicio" senón unha roda vertical similar a unha nora.

AS CACHOPAS (Covas -lugar de Nogarido)
O dicionario define "cachopa" como "toro (tronco) groso e vello, ben aínda en pé ou xa cortado". O topónimo indicaría, por tanto, un lugar onde había cachopas.

Aínda que  "cachopa" teña  tamén a acepción de "ama de casa", é descartable, pois a súa presencia como topónimo sería como alcume, e non xustificaría a abundancia de topónimos "cachopa" en Galiza.

AS CANDORCAS (Chavín -lugar das Cabeceiras)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza.
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca".
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. aquí). Abondan, así, os topónimos "Candaedo" e similares.
Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando".

A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquí. Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" ('barranco profundo'), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

É importante notar que, con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo . Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.

AS CONGOSTRAS (Covas)
Ver "A Congostra".

AS ENGROBIAS (Galdo)
Unha "engrobia" ou "engroba" é un "desfiladeiro, paso estreito entre montes ou outeiros". Cf. aquí.

AS FACHAS (Valcarría)
O dicionario define "facha" como "antorcha de palla para alumarse de noite nos camiños" (cf. X. L. Franco aquí).
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro".
Canto á etimoloxía de "facha", é incerta. Corominas derívaa dunha voz *fascula, usando o socorrido "cruce", neste caso entre facula 'fachuzo' e fascis 'feixe'.

AS FONTAÍÑAS (Galdo)
Fonte pequena, "fontela". Cf. aquí.

AS FURNAS (Chavín)
Unha furna é unha cova subterránea. Outra acepción é a de cova ou entrada do mar. Cf. aquí.

AS LOBEIRAS (Valcarría)
Ver "A Lobeira".

AS LÓNGARAS (Boimente)
O termo "lóngara" significa "terreo de forma alongada".

AS PALLAREGAS (Covas)
Ver "A Pallarega".

AS PARDIÑEIRAS (Covas)
Ver "A Pardiñeira".

AS PEDROUZAS (Faro)
Un "pedrouzo" indica unha morea de pedras, e tamén un "penasco elevado". Cf. aquí . En feminino pode indicar un "pedrouzo grande".
O sufixo -ouzo dálle un certo matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. aquí.

AS PENAS de AGRUÑIDO
(Galdo)
O mesmo que "abruñido", lugar onde abundan os "abruños". En efecto, aínda que "gruñido" non é recollido explicitamente nos dicionarios de galego, si figura recollido "gruñedo" co significado de "abruñedo"(cf. aquí E. Rodríguez. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").
G. Navaza recolle, na súa obra "Fitotoponimia Galega", o topónimo "Gruñido" de Mañón, coa acepción supradita (cf. aquí).

Alternativamente, lugar onde abundan os gruñeiros. Un "gruñeiro" está rexistrado en Ourense como "lodeiro", lotus.
Ademais do "Gruñido" existente en Mañón, e outros múltiples topónimos en Galiza, tanto Abruñedo, Agruñedo, Abruñido.

AS RASAS (Celeiro)
Probablemente de "(terras) rasas", terras sen cultivar e de vexetación baixa.

Atópase tamén un "Chao da Rasa" en Boimente.

AS TERCIAS
(Landrove -lugar da Croa)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
Rexístranse tamén en Mosende, Bares, etc.

AS TRAVES (Valcarría)
Ver "A Trabe".

AS UCHEIRAS (Valcarría, Boimente -lugar da Lama)
As ucheiras son as "pedras do forno". Talvez estea referido aos esteos (pedras laterais) dun dolmen, por veces tamén referido como furna ou "furna dos mouros".
Talvez sexa da mesma etimoloxía latina ostia 'porta', aínda que indicando "porteiras" nun significado distinto.

AURÁ (San Pedro de Viveiro)
A orixe deste topónimo, correspondente a un núcleo de poboación, é incerto ao non dispoñermos de documentación antiga.
Pódense formar dúas hipóteses, ambas con certa probabilidade.
Como primeira hipótese, o profesor Piel derivou este topónimo de *(uilla) Auriana, dun posuidor chamado Aurius ou Aurianus, usando a derivación -ana, a tradicional forma latina para referirse ao posesor dunha uilla ("expotación agraria"). Esta é a hipótese é reforzada polo feito de ser un núcleo de poboación. 


Alternativamente, podería derivar de "A Ourá", do mesmo modo que existe un "Costaaurá" en Mañón. Neste caso, posiblemente derivaría do tema hidronímico prerromano *awr- 'fluír'. Esta é a orixe que varios estudosos, como Bascuas, asignan a topónimos similares como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
A existencia de "Os Ouraos" e "Ourao" neste concello parecen apuntar para esta hipótese, ainda que sen documentación antiga é imposible chegarmos a unha conclusión clara.
É interesante remarcar a existencia dun "A Aureana", en Piñeiro (Muras), que parece reforzar a hipótese de *awr-, pois, aínda sendo tamén un núcleo de poboación, é improbable a conservación do -n- do sufixo -ana, así como a presencia do artigo no topónimo se fose derivado dun nome de posesor.

Finalmente, tamén podería vir de "(terra/vila) ourá" , sendo "ourá" adxectivo relativo a "ouro", no sentido de "moi boa".


Ver tamén a entrada "Ouraos" para máis comentarios.


BALADÁS (Chavín)
Posiblemente de "Abeledás", plural de "abeledal", lugar con abelairas.
Aínda que as formacións con doble sufixo abundancial (-edo + -al) non son frecuentes, tampouco sería un caso excepcional, así "louredal", "toxedal", etc.
Alternativamente, aínda que non semella moi probable, derivado de *valadal, no senso de "abundancia de valados".
Existe outro "Baladás" en Valdoviño, así como un "Valadás" en Melide.

BARALLA (Chavín)
Ver "A Baralla".

BARBEITO (Magazos)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BIDUÍDO (Galdo)
Indica un terreo onde abundan os bidueiros.


BOIMENTE (Boimente)
De *(uilla) Bonimentii, forma en xenitivo de Bonimentius, referindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("expotación agraria").

BOIRA (Chavín)
No dicionario "boira" ten dúas acepcións: a de "pequena poza que forma a choiva nos terreos sementados", e a de "néboa".
Tanto "Boiro" como o análogo portugués "Bouro" tradicionalmente élle asignada orixe xermánica; así, Piel derívao do gótico ou suevo *bûr 'casa', abundante na toponimia francesa (Cf. p. 233 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).
Da mesma opinión é M. Costa, que o deriva do suevo *būrjō (v. Ostgermanisch, G. Köbler, "Gotisches Wörterbuch"), derivado do protoxermánico *būram 'casa, cuarto'. Cf. "Frornarea".

Por outro lado, tendo en conta o significado do apelativo "boira" mencionado previamente, cremos que non se pode descartar a orixe nun hidrónimo, podería vir dun antigo *buria, posiblemente compartindo orixe co topónimo "Burela", tal como postulamos no blog sobre toponimia de Burela (ver aquí).

BORRALLEIROS (Vieiro)
A borralla é a cinza, o residuo de madeira totalmente queimada.
Posiblemente a orixe do topónimo estea nas actividades de roza: cando se cavaba na roza, facían borralladas cos toxos, etc, que servían de abono para a sementeira de centeo ou trigo que se facía na roza.

BORREIROS (Galdo)
O Dicionarios definen "borreiros" como "colmeeiros, comerciantes de cera en bruto" (cf. aquí), polo que podería tratarse deste caso sendo unha entidade de poboación, indicando o oficio dos seus habitantes. De feito, a maioría dos "Borreiros" e "Burreiros" trátase de núcleos de poboación.

Por outro lado, como indica Navaza, existe tamén a posibilidade de derivar de "borra", na acepción de 'pouso, sedimento', facendo relación á composición do terreo, ben por estar á beira do río e ser terra de aluvión ou ben residuo de queima para fertilizar o solo (cf. G. Navaza. "O nome dos lugares. Saiáns").
Descoñecemos se neste caso a orografía e situación do lugar, nin tampouco se hai documentación antiga que recolla este oficio de borreiro relacionado con este lugar.

BOSTELO, BUSTELO (Viveiro)
Bustelo é o diminutivo de "busto", lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas".
O lingüista J. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estáncia (para/de) vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

BUDUAL (Galdo)
Lugar onde abundan as "budueiras" ou "bedueiros".

CACAVIÑA (Galdo)
Diminutivo de "cácavo", do latín caccabus "pota", por analoxía coa orografía do lugar, depresión, o fondo dun monte.

CAL de MORÁS (Valcarría)
Cal das amoreiras. Morás é o plural de "moral", onde hai "amoreiras".
Tamén pode provir de (fundu/uilla) Mauranis, referindo ao nome do antigo poseedor medieval do lugar.

CALVOSO (Chavín)
O mesmo que "calvo", "calvelo", "calvela" e "calveira" refere a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

CAMIÑO do CACHÓN (Faro -lugar do Cachón)
Un "cachón" é sinónimo de "fervenza", augas que caen en cascada.

CAMPO de ARCA (Valcarría)
Campo onde había ou hai unha "arca", restos dun dolmen (os esteos e a furada).

CAMPO DO BASOI
(Magazos)
A orixe do termo "Basoi" neste topónimo probabelmente corresponda co nome dun antigo poseedor, incluíndo o discutido sufixo -oi, que está presente tanto en antropónimos prerromanos como latinos como xermánicos.

CAMPO DOS BOIS (Vieiro)
O termo "boi" neste topónimo pode provir ben do significado obvio, e por tanto podería indicar algo como "campo onde pacen os bois". Alternativamente, tamén pode provir da raíz pre-latina *boi-, "rocha, pedra", e por tanto significaría "campo das pedras".

CAMPO MILLÁN (Faro -lugar do Monte Faro)
Podería ter unha destas duas orixes:

  • Campo con plantas chamadas "millán", unha planta "poácea" que nace nos terreos de cultivo. Cf. portugués "Milhã". 
  • *Campu Aemiliani, campo dun posuidor de nome Aemilianus
CANDALBARES (Celeiro)
De "candos albares", e por tanto, "retoños de castaños moi claros", pois un "cando", segundo o dicionario, é un "retoño grande do castaño". Tamén está documentados "toxo albar" e "rebolo albar" (cf. aquí).
Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo" (cf. aquí). Canto á etimoloxía, é discutíbel, aínda que parece remontar a unha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', 'lúa', como no lat. candeo "brillar", "arder" e os seus múltiples derivados, como "acender", "candela", entre outros. Partindo desta raíz postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría o asturiano cándano e o galego "cando".

Existen en Galicia multitude de topónimos relacionados: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANGAS (Celeiro)
Posiblemente teña un significado de "vale cerrado entre dúas alturas". Este significado aínda se conserva para o apelativo "canga" en Asturias (cf. páx. 804 DCEH)
Nun documento galego de 1218 é usado para se referir a dúas lombas contiguas en Bergondo: “et quomodo vadit per inter ambas Cangas”=“e como cruza por entre ambas as dúas lombas” (cf. aquí).

Tería unha orixe metafórica, asociada ao apelativo galego "canga" 'xugo'.

Corominas derivou "canga" do celta *cambica 'madeira curva', á súa vez derivado de *cambo 'curvo' (cf. páx. 804 DCEH). O termo galego "cancil" viría da mesma orixe.

Almeida Fernandes, que considera Cambeses e Cangas como variantes dun *camb- topográfico prerromano, significando elevación redondeada.

O dicionario define "canga" como "xugo", e tamén como "pau atravesado nun camiño, que dificulta o tránsito", "pau en forma de gallo, na parte dianteira do chedeiro, que ten como finalidade evitar que a carga do carro caia sobre os animais que tiran del" Cf. aquí.

O topónimo "Cangas" é relativamente frecuente en toda a xeografía galega e asturiana. O topónimo Cangas de Asturias aparece documentado en 883: “Primum in Asturias Pelagius regnauit in Canicas”.

CANOURA (Valcarría)
Posiblemente referido a unha persoa de apelido "Canoura", frecuente na Mariña luguesa (cf. aquí).
O apelativo "canoura" designa, en galego e en portugués, a "caixa por onde cae a gra sobre a pedra do muíño".

CANTARRANA (Covas)
A orixe obvia, dun castelanismo, parece difícil se temos en conta a abundancia do topónimo "Cantalarrana" por toda a xeografía galega.
Podería provir dunha voz prelatina, dunha voz prelatina, formada a partir da raíces *kant- (relacionado con "canto, borde", "beira de río con coios") + *arn- (da raíz indoeuropea *er-, relacionado con "río").
Cf. aquí e aquí para maior detalle.

CARCABOI (San Pedro de Viveiro)
Orixe e significado incerto. M. Costa postula (cf. aquí) unha orixe en Cas Caboi < *Casa Calapodii 'Casa de Calapodius', do mesmo xeito que o lugar de Caboi (Outeiro de Rei) está documentado como Calabogii en 959, o cal apontaría para un antigo Calapodii. Tamén existe en León un "Villacalabuey", documentado antigamente como Calaboi (cf. aquí), que parece confirmar esa orixe para Caboi.
Porén, voltando para Carcaboi, o rotacismo indicado non é frecuente, e existen múltiplos exemplos de fonética case similar sen rotacismo, tanto en topónimos e.g. "Cas Maseda" en Xermade, como de apelativos ("cascallo", "cascabullo", etc).

Outra alternativa sería un significado relativo a sitios pedregoso, e incluiría os elementos pre-latinos *kark- e *boi, ambos relativos a elementos rochosos. Porén, sendo Carcaboi un núcleo de poboación, parece máis improbable, ainda que en absoluto se poida desbotar.


CARRACEDO (Covas, Faro)
Indica lugar onde abunda a planta chamada "carrizo". Algunhas veces pode ser relativo a outra planta, o "carrasco".

CARRAPITO (Galdo)
Este termo ten varios significados alternativos:
- Carballo "bonsai": Carballo pequeno que non medra. Cf. aquí
- Por extensión, home pequeno.
- Cardo
- Tamén se lle chama ao abruñeiro noutras partes de Galiza, aínda que non está rexistrado nesta zona. Cf. aquí.

Ver "Carrapota": a existencia do topónimo "Carrapota" en Magazos, posiblemente relacionado con este, e co sufixo -ota, xeralmente de orixe prerromana, indicándonos a moi probábel orixe prerromana deste termo. 

CARRAPOTA (Magazos)
O termo "carrapota" é de orixe e significado descoñecido. Nicandro Ares indica que podería ser variante de "carrapeta".
Parece, en calquer caso, tratarse dunha palabra de orixe prerromana, tanto pola raíz (talvez indoeuropea, aínda que difícil determinala, talvez *car- "duro", cf. "carballo", "carranco"?, talvez incluso *kemer), canto polo sufixo -ota. A estudar estaría a relación con "carracha" e "carrapata" (aragonés carrachina 'caracol'), e incluso con "esgaravello" e "escarapote", talvez en relación co valenciano escarraman, o francés escargot o inglés crab e o alemán krebiz, todos relacionados pola súa forma arácnida.
É interesante a existencia do topónimo "Carrapito" en Galdo, posiblemente relacionado con este.

CARRUCEIRO (Boimente)
Sarmiento recolle con este nome unha clase de maciñeira selvaxe, cun froito ao que chaman "carozos". Cf. aquí.

CASCALLAR (Covas)
O mesmo que cascabullal, "lugar con cascallo".

CASTRAMIL (Boimente)
Probablemente derivado de *(agru/uilla) Wistrimiri, forma en xenitivo de Wistrimirus, o posuidor medieval do agro ou uilla ("explotación agrícola").

É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor tivese tal orixe, simplemente foron nomes comúns na Idade Media.
Aínda que teña unha apariencia de orixe en "castro", explícase precisamente pola "atracción" da palabra "castro". Este é case con seguridade o mesmo caso que o analizado por M. Costa (cf. aquí) para "Cristimil" e "Castromil" (Aranga, Coruña), que identifica co atestado no Tombo de Sobrado como "uilla Uistremir" en 1190 e "Guistrimir" en 1206.


Da mesma orixe teríamos "Creximil" nas Negradas (ver blog aquí).

CATAROU (Galdo)
Este lugar probablemente corresponda co referido nun documento en latín de 1166, xa grafado "Catarou". En Catarou foi catalogada unha pedrafita ("menhir"). Cf. aquí.
O topónimo "Catarou" probablemente teña unha orixe pre-latina, nun elemento *kat(t)-. Ver entrada do blog específica para máis detalles.

Nicandro Ares, aínda asignándolle orixe descoñecida, indica a hipótese dun apelido, e cita o exemplo de "Domingo de Catarrón" (cf. N. Ares,"Estudos de toponimia galega". 2011). Sen descartar totalmente esta hipótese, é pouco probábel a evolución en galego de Catarrón para Catarou.
En calquera caso, pódese aventurar para "Catarou" unha forma antiga *Catarone, que evolucionaría do mesmo modo que o topónimo "Simou" deriva de Simone. Ademais, reparando na existencia de "Catarón" en Sobrado e "El Catarón" en Sanabria, semella máis probable *Catarone. Tamén está atestado o nome persoal "Cataronus" en Francia no 1044 (cf. aquí)

Existen outros topónimos "Catarou" no Aparral (As Pontes), e en Santa Cilla (Foz), así como un "Catarón" en Sobrado e "El Catarón" en Sanabria (Zamora).

CELEIRO (Celeiro)
Do latín cellarium, e faría referencia a "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". Cf. aquí.
Aparece atestado nun documento de 1128 como "S. Jacobus de Cellario". Cf. aquí.

CHAVÍN (Chavín)
De *(uilla) Flavinii, forma en xenitivo referida ao posuidor co nome de orixe latina Flavinus, hipocorístico de Flavius.

CHOIA (Chavín)
A orixe do topónimo deste núcleo de poboación é incerto. Existen varios topónimos en Galiza con este nome.
Talvez podería ter unha orixe en (uilla) Claudia (evolución posíbel en galego pola palatalización do grupo cl- e a desaparición do -d- intervocálico), mais non está claro.
Nicandro Ares deríavao da ave dese nome (cf. "Estudos de toponimia galega". N. Ares, 2011). No entanto, é moi infrecuente o uso dun nome de ave en singular nun topónimo, e a´inda menos coa relativa frecuencia coa que ocorre.
Outra hipótese sería do alcume dunha antiga posuidora, sendo "choia" un apelativo para muller pequena e tamén para muller murmuradora, por analoxía co paxaro dese nome. Tampouco parece probábel que houbese tal frecuencia de alcume na toponimia galega.

CHOUPÍN (Vieiro -lugar da Silvarosa)
O choupín é un tipo de cogumelo comestible. Cf. aquí.
Pode tamén referirse ao alcume dun antigo posuidor.

CONDOMIÑAS (Boimente)
Ver "Condomiña".

CORA (Valcarría)
Este núcleo de poboación xa aparece mencionado nun documento de 1419 (" .. Gonçaluo Yanes de Cora ..").
O nome "Cora" pode ter a orixe na raíz prelatina *kor-.
Outra hipótese sería a de "lugar de cora", co sentido de "lugar onde se fai a actividade da cora", con "cora" significando "actividade de dar cor" (aos tecidos), palabra tamén existente en portugués con este significado.
Existe outro "A Cora" no Pereiro (Alfoz), así como a freguesía de Cora, na Estrada (Pontevedra)

CORGOS (Faro -lugar de Area)
Posiblemente signifique "canos polos que escorre a auga". A palabra "corgo" ten varios significados:

  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas. 
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. 
Cf. aquí.

COSENDE (Covas)
Derivado de *(agru/fundu/uilla) Codesindi, forma en xenitivo dun posuidor medieval chamado Codesindus, nome de orixe xermánica.
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu; no entanto, tampouco se pode rexeitar a priori que ese lugar tivese sido unha uilla medieval (explotación agrícola).

COUSOS (Boimente)
Un "couso", do latín medieval causu, é un sitio coutado, para actividade específica, que pode ser:

  • foxo para caza de alimarias 
  • sitio para facer cacería, xustas 
  • horta pequena 
A CRUZ DO ROLLO (Viveiro)

Probabelmente aluda á antiga localización neste lugar dun "rollo" (picota de axustizar), ou que o pilar da cruz foi a reutilización dun "rollo".
O dicionario de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como "La picota, ú horca, hecha de piedra y en forma redonda, ó de columna. Era insignia de la jurisdiccion de villa, odiosa para los pueblos.." (Cf. aquí). 
Soamente con documentación antiga podería ser confirmada ou rexeitada esta interpretación.

CUÍÑA (Boimente)
A orixe do termo "cuíña" é discutida, aínda que probablemente corresponda co apelativo "cuíña" 'pequena elevación de terreo'. Esta é a orixe que lle asigna tamén P. Martínez Lema. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba".
Posiblemente esta sexa a "Colina" mencionada nun diploma do T. Sobrado do ano 992, que alude á "ecclesia uocabulo Sancte Marie que est fundata in uilla Bonimenti et Colina". Cf. aquí.
Hai outras teorías, como derivalo do latín colina ou culina, co significado de "cociña"(cf. aquí), co argumento de ser improbable que derive do latín collina, pois non se perde o dobre l, e por iso hai quen o deriva do latín colina ou culina, co significado de "cociña"

Por outra banda,  Rivas Quintas e Cabeza Quiles explican os diversos Cuíña / Cuña galegos como derivados dunha raíz oronímica pre-indoeuropea *con- / *cun- "rocha, prominencia, altura".

Finalmente, Nicandro Ares apunta a posibilidade de derivar do apelativo "coíña", no senso de "col nova". Porén, crémolo improbable, pois un apelativo tan común, que sería anecdótico, non pode ter tantas ocorrencias na toponimia galega. Outra alternativa que propón Ares é a de "coia", o termo prerromano.

CUTIÁN (Valcarría)
Probablemente derivado de (uilla) Guttilani, forma en xenitivo do nome Guttila, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica, a partir da raíz *wit(t)- e máis o sufixo hipocorístico -ila.
Ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu; no entanto, tampouco se pode rexeitar a priori que ese lugar tivese sido unha uilla medieval (explotación agrícola).

ERMOSENDE (Galdo)
De (uilla) Ermesindi, forma en xenitivo de Ermosindus ou Ermesindus, o nome dun posuidor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimos de orixe xermánica.

ESBEDRIDO (Galdo)
Lugar onde abundan os érbedos ou esbedros (Arbutus unedo), árbore que dá un froito usado para aromatizar licores a base de augardentes e para preparar marmelada. Dicía Sarmiento que "esvedro en Vivero es el madroño".
É un topónimo relativamente frecuente. Hai outro 
"Esvidrido" en Galdo, "Esvedral" nas Ribeiras do Sor e nas Negradas.

ESCOURIDO (Covas, Boimente -lugar das Curralas)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").
Aínda que descoñezamos calquer rexistro de actividade siderometalúrxica na zona, coñecida a natureza do terreo, coa existencia de mineral de ferro na comarca (así por exemplo na Silvarosa, perto de Escourido), podemos pensar nunha posible orixe do topónimo na actividade siderometalúrxica.

ESPIÑADÁS (Faro)
Plural de "espiñadal", lugar onde abundan os espiños.

ESVIDRIDO (Galdo)

Grafía alternativa de "Esbedrido". Ver "Esbedrido".

FARO (Faro)
Esta poboación xa figura nun documento do ano 877 como "Villam de Faro" (cf. p.77 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm. 7, 1991).
O nome deriva do latín pharus, e este do grego Φαρος. Na Idade Media, "faro" indicaba unha cima elevada na que se prendían fogueiras, quer para guiaren os barcos, para se comunicar ou, sobre todo cando son no interior, avisar da presenza do enemigo.
Sarmiento clarificaba semanticamente a diferencia con "facho", sinalando que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro. ".

FERMIL (Faro -lugar da Aldea)
Posiblemente de (uilla) Filimiri, forma en xenitivo de Filimirus (con variantes Felmirus e Felemirus), o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa", in "Boletim de filologia", Tomo III.

FERRAXÓN (Boimente)
Relativo a "ferraxe" ("forraxe", do latín vulgar ferragine). Rivas Quintas (2001) documenta a palabra "ferraxe", precisamente en Boimente.

FONTAO (Boimente)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (Cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa"). 

Outra posibilidade sería derivado  dun posuidor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles). 
Tanto neste caso como no "Fontao" de Burela e no de Cervo, son topónimos de núcleos de poboación, polo que parece reforzarse a primeira hipótese.

FONTE da SARNA (Viveiro)
Probablemente relativo á doenza da sarna, no senso de propiedades curativas, polo xeral fontes sulfurosas.
O certo é que hai moitos hidrónimos que mencionan a "sarna", o máis cercano que coñecemos é o da "Fonte da Sarna" en Mogor (Mañón).
Parece que lle chamaban así porque a ela acudía a xente coa doenza da sarna, para fretarse contra dunha pedra que se dicía que tiña propiedades curativas contra tal doenza. Cf. aquí.
Hai moitos hidrónimos, en particular fontes, que se chaman da "sarna". Nalgúns casos, parece que se relacionaban as fontes sulfurosas como curas da sarna. Cf. o texto de 1768 sobre o lugar de Cortegada: "A la distancia de un largo tiro de piedra de esta está de la primera fuente mineral, a quien antiguamente llamaban de la Sarna, y al presente de la Piedra. El auga es clara, con olor y sabor de Azufre; bañando en ella una moneda de Cobre, toma color azul, y si es de Plata, le adquiere azul muy obículo".


FONTE DE FERNÁN POTÍN (Viveiro)
Descoñecemos a historia desta fonte ou do referido Fernán Potín. Como

Canto a "Potín", existe como apelido. Como apelativo, na Mariña Occidental (Xove, Viveiro, O Vicedo), rexístrase "potín" como variante de "patín", "Escalera externa, adosada a la casa, terminada en un descanso espacioso, llamado solana, que sirve para tomar el sol en invierno y el fresco en el verano". Cf. José M. Pereda, 1953. "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega".
En castelán existe tamén patín, que xa recolleu Nebrija "patio aquello mesmo es que patín". e que analizou Corominas (cf. Corominas, DCECH, s.v. patio).

Coñecemos algún caso de alcume "Potín", e confírmase que foi referido á antiga existencia desta "escaleira externa de pedra" na casa familiar.

FONTEGRADA (Vieiro)
Composto, do latín fons granata, "fonte importante, abundante". O adxectivo "grada" aínda existe no portugués con este senso. Cf. aquí.
Nese mesmo senso, Piel interpretou este topónimo, como "contendo o antigo adxectivo graado 'grande'". Cf. J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.
Nicandro Ares decántase por unha orixe no latín fons grata "fonte agradábel", aínda que non aporta raíces para rexeitar aquela etimoloxía. Cf. 
N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I. 
O mesmo topónimo rexístrase en Ourol coa grafía "Fonte grada", así como en Torres Vedras (Portugal).

FORXÁN (Valcarría)
De (uilla) Froiani, forma en xenitivo de Froia ou Fro(g)ianus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. J. Piel, "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III. 


FREIXIDO (San Pedro de Viveiro)
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan (terían abundado) as árbores chamadas "freixos".

GALDO (Galdo)
Este nome deste núcleo de poboación está xa atestado en 1128 como "Gualdo", e o mesmo aínda en 1404, en canto que xa pasa a figurar coa forma "Galdo" en 1419 (cf. p.191 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm.7, 1991).
Podería provir de (uilla de) Waldo, sendo Waldus o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica (cf. p.504 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).
Alternativamente, Du Cange rexistra o apelativo waldo, de orixe xermánica, co significado de "fraga" ("silva") en Italia e en Franza como gaudus ".. in silva, quæ vocatur Gaudus .." (cf. Du Cange & al., "Glossarium mediæ et infimæ latinitatis". 1883-1887).
Esta segunda interpretación é sostida tamén por M. Costa, quen deixa a hipótese de que, sendo xermánica, podería ser sueva (cf. frornarea).
É importante notar tamén a existencia en Mañón do lugar de "Galdos" (cf. aquí), que podería indicar a existencia de tal apelativo waldo, aínda que tampouco se pode descartar que ese "Os Galdos" simplemente fixese referencia a unha familia orixinaria de Galdo ou apelidada Galdo.

GUISTILÁN (Galdo)
De (uilla) Uisterlani, forma en xenitivo de Uisterla, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa aquí.
Por outro lado, Nicandro Ares apunta na mesma dirección, aínda que a un antropónimo xermánico distinto, Wistila. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011.

HÓRREO DE TIMIRAOS (Vieiro)
Hórreo pertencente a unha persoa apelidada "Timiraos". 

A orixe deste apelido estaría no nome de persoa Teodomirus, que en romance evoluiría para algo similar a "Tuimiro" (daí o topónimo Tuimil < Teodomiri), a partir do cal se formaría o etnónimo *Tuimiranos ("descendentes de Teodomiro"), que evolucionaría para "Tumiraos" e daí para "Timiraos".

LAGÜELA (Galdo)
O mesmo que "lagoela", do latin lacunella, dimintivo de "lagoa". É interesante notar que o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media : "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tombo de Celanova).

LAMACEDA (San Pedro de Viveiro)
Podería ser diminutivo de "Lama" ou vir de "Lama Maceda" ou de "Lama Aceda" (lama na que abondaría a "aceda", planta do xénero Rumex, primariamente a rumex acetosa).

LAMARRUBAS (Vieiro)
Composto por "lamas" e "rubas". Indicaría un terreo lamento, encharcado, coa terra de cor ruba, apuntando a unha terra barrenta. Isto confírmao o feito de ser chamado, este sitio, alternativamente como "O Barrido".
Existe na contorna o topónimo análogo "Lama Roiba", en Mañón, probablemente coa mesma orixe e significado.

LAMA REDONDA (Galdo)
O significado directo podería explicar este topónimo: unha "lama" (pastizal) de forma "redonda".
Porén, o termo "redonda", alén do seu significado obvio, tamén é empregado en galego co significado "zona ou territorio que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de "alfoz, arrabalde ou barrio", entre outros. Cf. P. Martínez (2010) aquí.
Outra acepción posíbel do termo "redonda" tamén podería ser a que indica E. Rivas: "Zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".

LANGOIRA (Valcarría)
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego da encosta" ou "rego longo".
Ver entrada blogue >>aquí para máis detalles.

LEBORÓN (Landrove)
Relativo a "lebre". Talvez orixinado no alcume dun antigo posuidor.

LESTIDO (Vieiro -lugar da Silvarosa), LISTIDO (Vieiro -lugar da Silvarosa)
Sitio onde abundan as "lestas", planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum.
Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia da lesta en Galiza: " hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada".
Existe outro Lestido nas Grañas do Sor.

LODAIRO (Galdo -lugar de Montes de Montecelo)
Ver "Lodeiro".

LODEIRO (Chavín, Covas, Boimente)
O termo "lodeiro" indica unha "lameira, terreo con lama".
Aínda que non se pode descartar unha segunda acepción, a da "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", cremos moi improbable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha arbre incomún. Cf. aquí.


LOURIDO (Galdo, Vieiro)
Lugar onde abundan os loureiros.

MAGAZOS (Magazos)
Orixe incerta. Esta parroquia xa se rexistra con este nome en 1128.
Nicandro Ares relaciónaa co xentilicio latino Macatius (cf. N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega"). Porén, tería que ter derivado dun caso nominativo latino, o cal é extraño.

Existe outra poboación "Magazos" en Ávila, que non puido evoucionar de Macatius.

Noutra aproximación distinta, atopamos o río Magasca en Extremadura, así como varias poboacións dese nome. O sufixo -asca é de orixe prerromana, e presente en topónimos como Tarascón (Ourense), así como en apelativos tales que "carrasca" ou penasco. Poderíamos, xa que logo, pensar nunha orixe prerromana para Magazos.
Se temos en conta a situación ao pé do río Landro do noso Magazos, así como que o Magazos de Ávila está  situado "en terreno llano y pantanoso" (cf. Madoz, "Diccionario.."), podemos aventurar unha referencia a terreo lamento ou pantanoso. 
Ese sentido de "lama, fango" teno tamén o apelativo "maga", que ademais de "tripa do peixe", tamén a define o dicionario de Valladares coa acepción de "guiso, que, en fuerza de haber cocido demasiado, quedó reducido á una especie de papilla, semejante á lama, lodo, ó fango".
Existen dous Magacela en Extremadura, na comarca da Serena, que polo sufixo en -ela semellan ter orixe en repoboación galega, aínda que isto sexa soamente unha suposición miña.

Para finalizar, indicar que hai varios "Magaz", tres en León e un en Palencia. Estes son interpretados por Piel como patronímico derivado do nome xermánico magus 'rapaz, adolescente' (cf. p. 36 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V). Porén, é extraño que sendo apelidos patronímicos sexan palabras agudas.

MALADAS (Covas)
Posiblemente signifique "(terras) maladas", alugadas a "malados". O termo "malados" é un sinónimo medieval de "colonos, servos", no senso específico de "homes libres que traballaban en terra allea".
Boullón Agrelo menciona o uso de "Malada" como alcume, atestado en 1165, e interprétao tamén co mesmo significado de "servo", seguindo a D. Kremer (cf. p.293 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Alternativamente, podería ser un termo de orixe prerromana, derivado da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', indicando unha 'ribeira, costa'. No entanto, non cremos sexa o caso, pois este lugar non ten características orográficas especiais, tal como tampouco acontece no caso de "Maladas" en Riobarba (cf. aquí).

Ver entrada específica para máis detalle >> nesta ligazón.


MALAGÓN (Vieiro)
Topónimo de orixe prerromana, posiblemente derivado da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', de carácter hidronímico. É unha raíz frecuente na toponimia da Península, incluíndo decenas de "Malagón", así como "Málaga", "Mos" (de Malones, en Castro de Rei), "Magoi" (Lugo), e talvez tamén os numerosos ríos Malo e Mao (cf. p. 83 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").


Este "Malagón" ten, xa que logo, a mesma orixe que o actual Magoi (Lugo), atestado como Malaconi no século XI, e xa como Maagoe no século XIV. A conservación, en moitos casos dos -l- e -n- en palabras prerromanas non é infrecuente, téndose explicado (e.g. Bascuas) por "xeminación expresiva".


Foi tamén analizado por F. Villar, que o relaciona cunha forma *mal-, para a cal mantén a orixe na mencionada raíz indoeuropea *mel-. A "Malagón" asígnalle unha orixe nun modelo flexional *Malaco, o mesmo de Olisipo (Lisboa), Tarraco (Tarragona). Cf. p. 56 de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas".


Podería ter relación co apelativo sardo campidanés  maragoni  'fessura di roccia', tamén presente na toponimia, e que hai quen atribúe orixe prerromana e relacionan con "malecón", tal como recollen Corominas e Pascual (cf. Corominas, DCECH, s.v. malecón).

MAÑAR (Valcarría)
Posiblemente de (uilla) Maniarii, forma en xenitivo de *Maniarius ou *Magnarius, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, cun primeiro elemento magenan 'poder'. Cf. aquí.

MEIRA (Celeiro, Boimente -lugar do Rego do Barro)
O termo "meira" é de orixe prerromana dunha raíz *m'r relacionada coa auga, auga estancada. Costuma estar aplicada a terreos encharcados, marismas.
Os topónimos "Meira" "Mera" e "Merán" son frecuentes en Galiza. Hai un "Merán" por exemplo en Galdo.

MEIXOFRÍO (Covas, Vieiro)
Posiblemente do latín "mansio frigidus", unha pousada (de estrada) deshabitada. Podería indicar, xa que logo, o paso dunha antiga vía romana.
No entanto, neste caso concreto, trátase do nome dunhas terras situadas no límite con Riobarba, a metade de camiño entre a Silvarosa e o Rego dos Bois, non moi lonxe do lugar de Manxofrío (Riobarba). Semella improbábel que houbese outra mansio tan preto da de "Manxofrío", polo que pensamos máis ben que se trata de terras que, nalgun momento, pertenceron a alguén de Manxofrío.

Para máis detalles sobre os topónimos "Meixofrío", "Manxofrío" e similares, consultar "Manxofrío" >> na web Toponimia do Vicedo.

MERÁN (Covas)
De "Monte merán", monte con "mera", "néboa miúda". A palabra "mera" é de orixe pre-romana, dunha raíz *mer- relacionada coa auga.
Alternativamente de *(mons) Mirani, de *Miranus, hipocorístico de Mira, nome de orixe xermánica. Cf. aquí.
Os topónimos "Mera" e "Merán" son frecuentes en Galiza. Así, por exemplo hai "Merán" en Galdo e "Monte do Merán" nas Negradas.

MERLÍN (Covas)
Lugar con nome derivado dun posuidor medieval dunha uilla (explotación agrícola).
Nicandro Ares apunta dúas posibles orixes: quer o antropónimo latino Merlinus, quer do antroponimo xermánico Mirellinus, o mesmo do que Piel deriva o topónimo portugués Merlim. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011.
Porén, en 1028 está atestada unha "uilla Maurlini", que podería corresponder co actual "Merlín de Ventosa" (cf. p.162 de "Nomenclator Medieval de Lugo", in Lucensia num. 5, 1992), aínda que outros autores relaciónano con "Morlán" (cf. aquí). Xa que logo, o Merlín de Covas pode proceder tamén dunha (uilla) Maurlini, derivado á súa vez de Maurelini.


MIAÑO (Galdo -lugar de Borreiros)
Probabelmente de orixe prelatina, da raíz hidronímica indoeuropea *mein-/moin-/min- 'corrente (de auga)', presente en ríos como Miño, e europeos como o Maine.
Posiblemente da mesma orixe que "Meaño", no concello en Pontevedra.

MONCALVO (Boimente)
De "Monte Calvo": tanto "calvo" como "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

MONTALBÁN (Vieiro)
Composto de *Mons Albani, forma en xenitivo do nome dun posuidor chamado Albanus. Posiblemente creado a partir do apelido do posuidor.

MONTECALVO (Covas)
Tanto "calvo", "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

MONTERROSO (Vieiro)
Este lugar, tamén chamado " Penalonga de Monterroso", podemos interpretalo con orixe no romance Monte Rossu 'monte roxo', baseándonos na etimoloxía do homónimo (concello de) Monterroso, o cal está atestado como "Montem Rossum" (cf. P. Martínez, "Inventario toponímico do Tombo de Toxos Outos". 2008).
No entanto, tampouco se pode descartar unha orixe en *monte hedroso, do mesmo modo que existe "Pena Edrosa".

MONTILLE (Valcarría)
Posiblemente de Montilii, forma en xenitivo do nome dun posuidor chamado Montiliu(s).

MORGADE (Boimente)
De (uilla) Maurecati, forma en xenitivo do nome dun posuidor chamado Maurecatus, antropónimo de orixe latina.
Este é un topónimo frecuente en Galiza e ben atestado, aparecendo xa na forma Maurecati nun documento de 1055 do Tombo de Samos.

MOURENCE (Galdo)
De (uilla) Maurentii, forma en xenitivo de Maurentius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

NABAL (Valcarría)
Un "nabal" foi orixinariamente un lugar apropiado para cultivar nabos, aínda que pasou logo a ter un significado máix seral de "t
erra moi frutífera” (cf. Taboada Cid).

Nalgúns casos, podería estar relacionado coa raíz prerromana *nav- 'chaeira entre montañas', presente en topónimos como "Nava" e talvez en "Navallos".
Neste caso, sendo unha terra de labor, non hai razóns para non estar referido á plantación de nabos.

NADAL (Valcarría)
Posiblemente de *(uilla) Natalii, forma en xenitivo de Natalius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

NAÍN (Viveiro)
De (uilla) Nanini, forma en xenitivo de Naninus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. M. Costa.

NASEIRO (San Pedro de Viveiro)
Un "naseiro" é a cárcava no río onde se colocan as "nasas". Cf. aquí.
Deriva do latín nassa + -arius, tendo un significado na documentación antiga relativo a 'lugar onde os pescadores colocan as nasas', ou 'lugar reservado para a pesca con nasa’ no sentido de ‘couto de pesca'. Xa en 1149 é mencionada unha doación ao mosteiro de Sobrado dun "nasario fixo" no río Ysso.
En portugués, "naseiro" é homónimo de "caneiro". Cf. aquí.

NOGARIDO (Chavín, Covas)
Lugar onde abundan as nogueiras.


O ACIDO (Galdo)
Este topónimo é interpretado por Nicandro Ares como derivado do latín acinitum, sitio onde abunda o acinus 'herba silvestre, acio'. Cf. p. 505 de N. Ares. "Estudos de toponimia galega". Vol I.

O ADRADO (Covas)
Unha "adra" é "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal". Neste caso sería un "(monte) adrado", monte comunal repartido. Cf. aquí.

O ALBARIÑO (Viveiro)
Segundo Navaza, os termos "Albariña" e "Albariño" son diminutivos de "albar" para formas fitotonímicas como "carballo albariño", "uva albariña" ou "toxo albariño". Tamén sindica que algúns dos topónimos "Albariño" e "Albariña" podería ser diminutivo de "árbore", de arboriña > alboriña. Cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006.

O AMARGOSO (Boimente, Chavín)
Significado incerto, probablemente de "O Margoso", ou "O Samargoso".
No caso de derivar de "Margoso", indicaría "lugar onde abunda a marga, rocha arxilosa de cor abrancazada, moi rica en cal, usada para fertilizar a terra".Cf. aquí.
Esta hipótese refórzaa a existencia do topónimo "A Margosa" no concello de Pol e "O Prado Marguento" en Cangas.
Teóricamente, tamén "margoso" puido ter o significado de "morteiro", 'lugar estercado para viveiro de hortalizas". Este é o significado de "marxal", adicional ao de "lugar onde abunda a marxa ou margo". Porén, rexeitamos en principio esta hipótese por localizarse "O Amargoso" en terreo de monte, impropio para este fin.
Unha alternativa probábel é a de derivar de "O Samargoso", "lugar onde abunda o samargo" (saramago). Así, existen "As Samargueiras" en Cospeito e "O Monte do Samargal" en Monfero. A evolución daríase ao esquecerse o signficado orixinario, e por "etimoloxía popular" evolucionar "O Samargoso"> "Os Amargosos"> "O Amargoso".
Se analizamos a distribución xeográfica, pódenos dar algunha pista: a variante "samargo" dáse maiormente no oeste de Galiza, frente ao leste que mantén "saramago". Isto ocorre tamén na toponimia, onde no norte se rexistran un "Samargueira", dous "Samargoso", un "Samargal", dous "Amargoso/a", e un "Amargosal" frente ao centro e sur onde que rexistran 17 "Saramagoso" ou "Saramagal". Todo isto, parece apontar a que os dous topónimos "Amargoso" proveñan de "Samargoso". Porén, tampouco é proba concluínte.

Finalmente, cremos que se pode desbotar unha orixe na caracterización do terreo de "amargo", referido á calidade da terra ou asociado ao alcume de antigo posuidor. A razón para rexeitalo é que o sufixo -oso serve para adxetivar nomes (chuvia/chuvioso), en canto neste caso "amargo" é xa adxectivo, e por tanto *"amargoso" nin existe nin é necesario.

O AMIDAL (Covas), O AMIDO (Faro)
Lugar onde abundan os ameneiros.

O BARGO
(Faro, San Pedro de Viveiro -lugar do Barral)
Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.
Indicaría un lastrado ou palizada, cos indicados vargos, cunha finalidade quer divisoria, quer de protección.
A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán várgano 'Cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

O BATÁN (Chavín, Galdo)
Do latín battere, bater, golpear. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricados nos teares caseiros. O tecido era batido por dous mazos hidráulicos. O batido tiña como finalidade desengraxar o tecido e darlle corpo.
Os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BELLEGAL (Chavín)
Ver "O Vellegal".


O BETRIGO (Landrove)
Posiblemente lugar dun posuidor chamado Wittiricus ou Wittericus, nome de orixe xermánica.

O BIMBIAL (Valcarría)
De "vimbial", lugar onde abundan os "vimbes", "vimes".

O BOIBAL (San Pedro de Viveiro)
O termo "boibal" podería derivar da raíz pre-latina *boi- 'rocha, pedra'. Isto parece encaixar ben no topónimo "Penas do Boival", no Cadramón (O Valadouro).
Alternativamente, rexístrase "bovia" como apelativo e topónimo, en Asturias e León. Así, G. Álvarez rexistra o apelativo "bobia" ‘paso natural entre montes’, presente na toponimia de Asturias e de León (cf. G. Álvarez, "El habla de Babia y Ladana", in Revista de Filología Española. Anejo XLIX. 1949). Garvens alega referencias documentais medievais ("illa bouia de Calabro", "illa bouia de Rouredo").

Canto ao significado, segundo esta acepción astur-leonesa, Concepción Suárez menciona o topónimo asturiano "La Boya" (Parana), ‘pastos altos de verano ya en el límite con Aller’. O significado sería ben o de ‘pastos, prados’ ou ben o de ‘paso entre montes, cole’. As dúas etimoloxías propostas son, por un lado a de Garvens, que parte dun elemento prerromano *bob ‘oco’, e que explicaría o significado de ‘pasaxe, porto’ (cf. F. Garvens, "Die vorrömische Toponymie Nordspaniens". 1961). Por outro lado, X. L. García e X. Concepción relaciónano co latín bove ‘boi’. Cf. aquí.

Existe tamén "O barranco do Boibal" e as "Penas do Boival" no Cadramón (O Valadouro).

O BRIEIRO (Faro)
Talvez de "camiño vrieiro", de "vrea" 'vereda', camiño ancho. Xa o rexistra Sarmiento con este nome. Cf. aquí.
Este topóimo de Viveiro foi estudado por E. Bascuas, que indica a súa situación ao pé de xunqueiras que o separan do mar (cf. pp. 454, E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17). En efecto, E. Bascuas remíteo a unha raíz fitonímica, a mesma presente no topónimo medieval Vallis Bria, actual "A Valoría" (Mondoñedo). Bascuas asígnalle a "brión", "brieira" e "brieiro" un significado de "xunqueira, xuncal", e lígao cun tema *brī-, relacionado coa forma céltica *brei-no- "xunco, espadana" reconstruída como tal por Coromines. Máis recentemente, Martínez Lema apoia igualmente esta interpretación. Cf. aquí.
Outra etimoloxía é a de F. Villar, que o relaciona co céltico *briga 'altura', aínda que é rexeitado poderosamente por Bascuas (cf. pp. 423-490 de E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17).
Cremos descartábel a interpretación que N. Ares asigna a "breeiro" como "o que dá brea ás embarcacións"(cf. "Estudos de toponimia galega". N. Ares, 2011): semella un topónimo improbábel para a frecuencia que tén. Ademais, o termo sería "garafate" (persoa que se encarrega de "garafatear" as embarcacións), en canto que "breeiro" non aparece rexistrado con este significado en ningures.

O BRIÓN (Valcarría)
Posiblemente, igual significado que "brieira" e "brieiro", de orixe prerromano, indicando "xuncal, xunqueira".
E. Bascuas remíteo a unha raíz fitonímica, a mesma presente no topónimo medieval Vallis Bria, actual "A Valoría" (Mondoñedo), ligado ao tema *brī-, relacionado á súa vez coa forma céltica *brei-no- 'xunco, espadana', reconstruída como tal por Coromines (cf. pp. 423-490 de E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17). Esta opinión é seguida por P. Martínez Lema. Cf. aquí.
Pola súa banda, Cabeza Quiles asígnalle unha orixe celta, con significado de 'castro, altura fortificada', talvez dun *brigonem (cf. F. Cabeza, "A toponimia celta de Galicia". 2014). No entanto, tamén recolle algunhas das interpretacións alternativas citadas seguidamente:
F. Villar (1995) postula unha orixe para os topónimos "Brión" en *Brionem, co elemento céltico *brig- "altura" seguido polo sufixo latino -onem. Cf. aquí. No entanto, Bascuas descartaba que tivese que ver con *briga. De feito, indica o exemplo de Brión (Ferrol), para o que a documentación medieval cita como “Briaria que fuit de fratribus…”.

Abundan os topónimos "Brión" por toda Galiza, tais como o concello de Brión, e lugares en Boiro, en Ferrol, en Bergantiños, en Rianxo, en Outes. É un topónimo xa documentado no século IX como Brione, e no século XII como Brion ou Briom.

O BUIO (Boimente)
A orixe deste topónimo é controversa.
E. Rivas e J. M González falan dunha raíz hidronímica celta *bed-, *bud-.
Podería estar relacionado con "Buño", o mesmo que Troia e Troña, Baio e Baño (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
O topónimo "Buio" é relativamente frecuente, así o atopamos, por exemplo, en Burela.

O BURGO (Faro)
Do germánico burg "fortaleza, castro", do cal pasou ao latín. Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000).

O CABRADOIRO (Valcarría)
Podemos interpretalo como "quebradoiro" ou "crebadoiro", metaforicamente polo accidentado do terreo. O sufixo -oiro, indicativo en xeral dunha acción ou dunha ferramenta, dálle encaixe nesta interpretación. A evolución non presenta maiores problemas: quebradoiro > crebadoiro > crabadoiro > cabradoiro.
Podería ser tamén "cravadoiro", ainda que non parece convincente un lugar onde se efectuan accións de "cravar".

Este topónimo ten certa frecuencia, así, existen outros "Cabradoiro" nos Devesos (Ortigueira), nas Oiras (Alfoz), en San Simón da Costa (Vilalba), etc.

O CACHEIRO (Valcarría e Vieiro)
O nome "cacheiro" podería estar relacionado con "terreo de mato, de monte, que se roza e queima para sementar trigo ou centeo". Porén, dada a situación dos dous topónimos do concello, en terreos nos vales, sen estaren próximos a monte, non parece axeitada. Di Sarmiento: Cachar significa rozar y quemar un terreno lleno de matorrales para sembrar en él centeno o trigo. Cachada es esa heredad y cacheira un terreno muy espacioso para el mismo fin.
Outra acepción rexistrada sería a que se usa actualmente en Dodro: "leira pequena traballada e coidada preto das aldeas".
Hai "Cacheiro" en varios lugares do concello limítrofe do Vicedo; no de Mañón existe "As Cachizas", que podería estar relacionado.

O CACHÓN (Covas, Faro, Galdo)
O nome "cachón" significa "fervenza de auga", "cascada".

O CADAVAL (Covas, Magazos)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

O CALVARIO (Celeiro, Landrove -lugar de Portociño)
Referido á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis, o cal é evidente no "Calvario do Adro" en Galdo.

O CALVO (San Pedro de Viveiro)
Topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira referen a un lugar sen vexetación.
Nicandro Ares, indica que a orixe é nun antropónimo Calvus. Cf. "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011. Porén, co máximo respecto para o ilustre Ares, crémola moi improbábel, dada a frecuencia dos topónimos "calvo", "calvelo", calvela e calveira referidos a lugares sen vexetación. Ademais, o uso co artigo como é neste caso aínda lle resta máis posibilidades. A xustificación dunha orixe distinta precisa de evidencias, incluíndo documentación antiga ou con casuística similar.

O CAMPO DO BISPO
(Landrove)
O termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal.
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

O CAMPÓN (Covas, San Pedro de Viveiro)
O termo "campón" indica un prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

O CANDAOSO (Boimente -lugar do Buio)
Garabullal, lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
Ver "Candalbares" para máis información sobre o termo "cando".

O CANDOVELLO (San Pedro de Viveiro)
De "Cando Vello". Un "cando", segundo o dicionario, é un "retoño grande do castaño". Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo" (cf. aquí).
Ver "Candalbares" para máis información sobre o termo "cando".

O CANEIRO (San Pedro de Viveiro)
Un caneiro é un "cano", unha canle, en particular as cales axeitadas para a pesca.
O dicionario de Valladares detalla o "caneiro": Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares : muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas.

O CANIDO (Faro -lugar do Monte Faro)
O mesmo que "canedo", lugar onde abundan as "canas" (canaveiras).

O CARABULLO (Viveiro)
O mesmo que "garabullo", "pau delgado". Posiblemente referido ao alcume dun antigo posuidor.


O CASAL (Celeiro -lugar de Roufelle, Valcarría -lugar do Alvo)
Casal, do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CATADOIRO (Vieiro)
Podería vir de captatorium, ben de "observación" ou ben de "caza". Existe "catadoira", por exemplo en Galdo, "Os Catadoiros" en Mañón, etc.
Ver >>entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para outras interpretacións.

O CAXIGAL (San Pedro de Viveiro)
Lugar poblado de caxigos.

O CELEIRO (Boimente)
Ver "Celeiro".

O CELEIRIÑO (Celeiro)
Diminutivo de "celeiro". Podería indicar a antiga existencia dun pequeno celeiro ("hórreo"), ou alternativamente, simplemente que tomase o diminutivo do nome da parroquia á cal pertence.
Ver "Celeiro".
Hai outro topónimo "O Celeiriño" en Vilapol (Portocelo, Xove).


Praia dos Castelos, Grallal, Covas
O CEPETAL (Galdo)
Posiblemente abundancial de "cepo", lugar onde abundan os cepos (a parte do tronco dunha árbore que queda en pé cando esta se corta).
Existe outro "O Cepetal" en Muras.

O CHAO DA BESURA (Galdo)
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. aquí.
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

O CHAO DA GRAÑA (Galdo)
O termo "graña" ven do latín grania, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.



O CHAO DA RASA (Boimente)
Ver "As Rasas".

O COBELO (varios)
Ver "covelo".

O COÍDO (Covas)
Un coído é un conxunto de coios, "pelouros".

O COSQUEIRO (Boimente)
O nome "cosqueiro" significa en galego a envolvente de certas sementes ou froitos (do millo, do liño, cas castañas). Porén, a asociación deste significado cun topónimo é incerta.


O COTILLÓN (Galdo)
A forma "cotillón" é un diminutivo de "coto", voz de orixe prerromana, que indica 'parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).

O COTO DO MALLÓN (Galdo)
O dicionario define "mallón" como "cómaro", "confín", "marco". Tamén existiu no portugués antigo, coa grafía malhom, co mesmo significado de "marco, baliza, termo límite" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
Neste caso, caracterizando un coto, posiblemente indique a antiga existencia dun marco divisorio.

O COTO DE MONCALVO (Boimente -lugar do Buio)
O termo "Moncalvo" é un composto de "Monte Calvo". Ver "O Calvo".

O COTURRO (Covas)
Posiblemente derivado de "coto", dunha orixe prelatina *cott- 'lugar alto'.
Rexístranse en toda Galiza, así nas Negradas "A Cuturra", en Bares "A Cotorroia", etc.

O COVELO (varios)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Ver "O Cubelo" para máis detalles.

O CUBELO
(varios)
O termo "cubelo" pode, nalgúns casos, ser unha grafía alternativa por "covelo" (ver "O Covelo"), aínda que noutros casos podería provir do diminutivo de "cubo", baixo latín cupu.
No entanto, hai quen afirma (cf. aquí) que a maioría, senón todos, dos "cubelo" e "cuvelo" proveñen de "covelo", diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

O CUCHAREGO (Boimente)

Posiblemente relativo a un "cocho" ("cuvil"), ou tamén a un  "cucho", lugar con "cochos" (porco, porco bravo) ou incluso "cuchos" (becerro, touro).
Canto á orixe, podemos interpretalo como derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
O dicionario de Carré define cucharego como “leira pequena dedicada a leña ou a prado” (cf. aquí).
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, como en Alfoz, Barreiros, no Valadouro, no Vivcedo, en Muras. 

O CUVELO (varios)
Ver "covelo".

O CURRO do CANDAOSO (Boimente -lugar do Buio)
Famoso lugar da Rapa das Bestas.
O termo "Curro", neste caso, designa un 'lugar pechado para marcar os cabalos selvaxes'.
Canto a "Candaoso", indica "lugar onde abundan os candos" ("garabullos").

O CUSQUEIRO (Boimente -lugar do Grañeiro)
O mesmo que "O Cosqueiro".

O CUTIÑO (Viveiro)
Diminutivo de "coto", dunha orixe prelatina cott- 'lugar alto'.


O ENTORNADOIRO (Galdo)
Derivado de "entornar" (envorcar); o dicionario de Aníbal Otero define "entornadoiro" como "Sitio nun camiño perigoso para volcar un carro" (cf. aquí).

O ESVIDRAL (Vieiro, Galdo)
Sinónimo de "Esbedrido". Ver "Esbedrido".

O FIAL (Valcarría)
O mesmo que "feal", un "herbal", lugar onde abunda o feo.

O FONDÓN (Galdo -lugar do Fondón, Magazos)
O lugar máis fundo, normalmente rodeado de montañas.


O FORO (Covas, Vieiro)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O GALIÑEIRO (Boimente)
Ver "A Galiñeira".

O GRALLAL (Covas)
O termo "grallal" indica "lugar onde abundan os grallos". 
Tamén existe o topónimo "Gralleira" en Burela, co mesmo significado. É análogo ao caso d'O Pegal en Muras. 
Este lugar, con pazo incluído, foi concello ata 1595, e xa é mencionado en 1156: ".. et cautum de Portuzelo et de Graliar et cautum de Moogorum et de Uaris et Landroue et ..".

O GRAÑEIRO (Boimente)
Ver "O Chao da Graña".

O GORMEDOIRO (Chavín)
Posiblemente de "gromedoiros", de "gromar", agrumar, e que por tanto significaría "terreos fértiles, con plantas que agroman".
Cremos que a orixe máis probable é na base *borm- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’).
O paso de *bormedoiro >gormedoiro sería equivalente ao de bromear > gromiar, broma>groma, e similar a volpe>golpe.
Alén do anterior, a existencia do verbo galego "bormar" 'vomitar' (cf. aquí) parece reforzar esta hipótese de relación con "borbotar". No entanto, E. Bascuas indicaba para "Gromejón" (afl. do Douro, Valladolid) unha orixe distinta, na raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', a través dun tema paleoeuropeo *garm-. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Existe un "Gormedoiros" en Cabanas e "As Gormallas" en Foz.

O LAPIDO (Covas -lugar de Nogarido)
Terreo penascoso ou pedregoso. Cf. aquí.

O MALLÓ
(Galdo)
Este núcleo de poboación está documentado en 1437 como "Garçia do Malloo", portanto provén dun apelido de persoa. Cf. J. García, 1987, "Viveiro en los siglos XIV y XV. La colección diplomática de Santo Domingo de Viveiro", in Estudios Mindonienses, nº 3, pp. 11-132.
O apelido en sí "Malló", viría do latín malleolum 'pequeno martelo', 'chanta de vidra cortada en forma de martelo'. Cf. aquí.


O MARIÑAO (Vieiro -lugar da Cabana)
Posiblemente o xentilicio do antigo posesor do terreo, de ser "orixinario da Mariña", no sentido da Mariña oriental, que é o que por defecto se entende por "mariñao" na Mariña occidental.

O MARCO (Boimente)
Lugar onde había un marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial), posiblemente un marco medieval, un miliario ou incluso unha pedrafita ou menhir.

O MAROTE (Landrove)
Posiblemente, tendo en conta o sufixo "-ote", sexa o alcume dun antigo posuidor.
Alternativamente, e máis probable, pode tratarse dunha palabra de orixe prerromana, dunha raíz *m'r relacionada coa auga, auga estancada, que costuma estar aplicada a terreos encharcados, marismas.

O MERÁN (Galdo -lugar de Montes de Montecelo)
Ver "Merán".

O MONTE DA GALIÑEIRA (Covas)
Ver "A Galiñeira".

O NOUCHÓN (Covas -lugar da Insua)
Aumentativo de "noucho", que pode significar:

  • moucho 
  • Saínte dunha rocha 
  • Croque 
Sendo este topónimo neste caso concreto referido a un entrante de terra (no mar), posiblemente sexa a acepción de "saínte dunha rocha".

O ORXAL (Magazos -lugar do Outeiro)
Abundancial de "orxo" 'cebada', do latín hordeum. Indicaría, por tanto, un terreo plantado de cebada, ou que é moi produtivo ao plantalo de cebada.
No entanto, como se indica para o caso da Pena do Orxal en Nois (Foz), hai veces que este significado non encaixa, e podemos interpretar este topónimo como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', talvez derivado dunha forma *or-w-i-, tal como postula E. Bascuas para o caso de "Oroxo".

O OURAO (Magazos) 

Este lugar tería unha orixe na hidronimia prerromana. Ver "Ouraos" para máis detalles.

Por outro lado, Nicandro Ares relaciounouno co nome personal Aurianus. Cf. "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011. Derivaría, por tanto, do acusativo Aurianum. No entanto, co maior respecto para N. Ares, o feito de levar artigo, extraño nun antropónimo, cremos que torna esta hipótese improbable, e aínda pior se temos en conta a existencia do topónimo "Ouraos", en plural, para o que xa non encaixaría facilmente a hipótese do antropónimo.
Por outra banda, o núcleo de poboación "Aurá" en San Pedro de Viveiro, que o profesor J. Piel derivara de *(uilla) Auriana, mantennos na dúbida.

O PASTIZAL DO ROLLE (Valcarría, San Pedro de Viveiro)
Pastizal antigamente pertencente a unha persoa apelidada "Rolle", apelido que se localiza maiormente na Mariña luguesa, probablemente orixinado nun topónimo Rolle, talvez no existente en Bacoi (Alfoz), talvez nun antigo Rolle no concello do Vicedo, que non figura actualmente pero que é posible, tendo en conta que é neste concello onde se dá a maior frecuencia deste apelido.
O topónimo "Rolle" probablemente proveña de (uilla) Rullii, forma en xenitivo de Rullius, nome do antigo posuidor. Alternativamente, de (uilla) Rudili, analogamente de Rudilus, nome de orixe xermánica.

O PENIDO (Boimente, Vieiro)
Lugar onde abundan as penas.

O PEREIRO
(Galdo, Landrove, Valcarría)
A súa orixe está relacionada co baixo latín pirariu (árbore). Alternativamente, podería derivar de petrariu ("pedreiro"). Con documentación antiga e/ou co coñecemento da orografía da zona, podería ser diferenciados parte deles.

O PIMPÍN (Celeiro)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
Aínda que non atopamos nos dicionarios, é unha orixe clara, habendo lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, etc.
En asturiano existe pimpana, aplicado a unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

O PONTIGO (Galdo)
Diminutivo de "ponte". Derivado do latín ponticulum. O xénero masculino reforza a idea de "pequeno". É de notar que se trata dun semi-cultismo, xa que a forma que seguiu a evolución da lingua sería "pontello"; de feito, existe "Pontellas" en Magazos.

O POUSADOIRO (Covas, Galdo, San Pedro de Viveiro)
O Pousadoiro designa o lugar do camiño onde se para para pousar a carga que se leva nas costas ou na cabeza. Asimesmo, designa o poio ou similar onde se pousar a carga transportada ás costas.

O PREGUÍN (Faro)
Orixe incerta. Talvez relacionado con topónimos como "Prego", ou incluso con posibles topónimos prerromanos como "Pregontoño" (Arzúa), o cal leva o sufixo -oño, usualmente prerromano, e como "Preguntoiro" (ver artigo sobre preguntoiro >> aquí).

Existen outros "Preguín" na xeografía galega, así, existe un en Lañas (Arteixo), do cal xa figura documentado con este nome na Idade Media. Cf. aquí.  Existen, ademais, varios "Preguinho" en Portugal, e.g. en Cinfães.

O RAIRO (Valcarría)
O "rairo" é a "gabia pola que discorre a auga dun río ou un regato", e por extensión a "cale do muíño".
Existen outro Rairo en Muras e outro en Ourense, xa documentado en 1453 con ese nome.

O REAL
(Viveiro)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As forma "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor de ríos, e, sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.

O RECANTO (Galdo)
O dicionario define "recanto" como "recuncho, lugar apartado". Cf. aquí.

O REGO DE ARNALDE (Valcarría)
O termo "Arnalde" deriva de Arnaldi, forma en xenitivo de Arnaldus, nome de orixe xermánica. Posiblemente indique a antiga existencia nas proximidades dunha *(uilla) Arnaldi ou (agru) Arnaldi.

O REQUEIXO (Galdo)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. aquí), ou tamén "lugar apartado, nun recanto".
Neste caso trátase da segunda acepción de "lugar nun recanto", xa que se trata dun lugar relativamente chan situado nun triángulo entre montes relativamante altos.
Canto á etimoloxía de "requeixo", segundo E. Bascuas, viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo" - cf. VERBA, 2000.

"O Paraño", Castelao

O SARTÁN (Celeiro)
O adxetivo "sertán" refere a un ‘terreo pouco fondo, con exceso de humidade, pouco produtivo e de mala calidade’ (cf. DDD). 

"O sartán" trátase, por tanto, de "O (terreo) sartán". Pola comarca hai máis Sartán, como e.g. nas Negradas.

O SERRÓN (Covas, Galdo, Landrove)
Un "serrón" nestes casos é en sentido figurado, significando "montaña apuntada e larga".

O SIXTO (Viveiro)
Pronunciado "Sisto", sendo Sixto probablemente unha ultracorrección.
Para Díaz Fuentes sería unha "parada nun camiño" (cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria).
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". 

Con todo, os varios topónimos "Sistelos", "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.
Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987

O SOLLOSO (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)

Probablemente de (terreo) solloso ("soleado"), lugar abrigado onde dá o sol, posiblemente situado no lado sur dunha montaña ou dunha encosta.
Aínda que máis improbable, tampouco se pode descartar unha orixe alternativa en relación a un elemento da hidronimia prerromana *sal- ou *sol- . De feito, existe o "río Solloso", afluente do Sor.
Existe outros "Solloso" no Valadouro, no Vicedo e  nas Pontes.

O SOUTO (varios)
Do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos".
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza.
O dito popular "saír dun souto e meterse noutro" parece que refere á acepción orixinaria do termo.

O SOUTO DA REDONDA (Viveiro)
O significado directo podería explicar este topónimo: un "souto" (ver "O Souto") de forma "redonda".
Porén, cremos que aplica mellor outra acepción do termo "redonda", co significado de "zona ou territorio que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros. Cf. P. Martínez (2010) aquí.
Outra acepción posíbel do termo "redonda" é a que indica E. Rivas: "zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".

O TEMORAL (Chavín)
Probablemente, unha forma derivada de "témora" (do latín tremula), lugar húmido que "treme" pola existencia de lama na terra.

Este topónimo foi analizado polo prestixioso Bascuas, e relacionao co galego "tremer", asignándolle a mesma idea de "tremedal". Cf. p. 102 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Talvez o topónimo "Temuído", existente na Balsa (Muras), teña similar orixe.

O TURBAÑO (Boimente -lugar do Buio)
Significado e orixe incerta. Posiblemente, do tema paleoeuropeo (pre-céltico) *turb- ou *turw-, relacionado con hidrónimos e derivado da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Cf. p. 324 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
É importante destacar que a terminación -año aponta a unha antiga terminacion -an-io, incluíndo o sufixo -io, frecuentemente relacionado con hidrónimos prerromanos. Isto reforza esta hipótese.
Porén, tampouco se pode descartar que derive do latín turba, ou incluso do galego "turbar".

O VASOIRAL (Valcarría)
Abundancial de "vasoira". É un termo case excepcional na toponimia. Posiblemente indicase, por extensión de "vasoira" para "xesta", un lugar poboado de xestas, un xestal.
Nicandro Ares dálle a obvia mesma orixe, aínda que a interpreta como "basura, vertedeiro" (entendemos que quer dicir "vertedoiro"). Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011.

O VILAR (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín, Covas, Galdo, Magazos), O VILAR DE ARRIBA (Covas, Galdo), O VILAR DE ABAIXO (Covas, Galdo)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). 

É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.
Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Rivas Quintas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. aquí.

O VISO (Boimente)
Referido a "altura, lugar elevado, con boa vista".

O VELLEGAL (Chavín)
"Bellegal" ou "Vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto. Cf. aquí.

O XARAL (Landrove)
Terras de "xabre" (terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). Na comarca, existen outros "Xaral" nas Negradas, nas Grañas do Sor, Muras, etc. Tamén "xuxarrido", de "xarrido" en Bares.

O XARDÍN (Galdo)

Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio, e probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979).

No entanto, talvez algún "Xardín" poida vir de *(uilla) Sardini, a forma en xenitivo de Sardinus, indicando un antigo posuidor, con nome de orixe xermánica. O antropónimo Sardinus está rexistrado en Galiza, cf. CODOLGA.

ORADE (Galdo)
De (uilla) Honorati, forma en xenitivo de Honoratus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

OS ARANDOS (Boimente)
Derivaría de "Os Sarandos", e este á súa vez de "Os Serandos", topónimo tamén rexistrado na Coruña. Na Coruña tamén existe "O Sarandón", que confirmaría "Sarandos".
"Serandos" podería estar relacionado con "Serantes" e, por tanto, podería ser de orixe céltico ou precéltico, vindo da raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo'.
Alternativamente, podería derivar de "arando", o froito da arandeira, aínda que non sexa nome común na zona, polo menos actualmente.

OS BICÁS (Valcarría)
Talvez orixinado nun alcume, de "terreos dos bicás", de "bical", "bicudo, con moito bico". No entanto, parece improbable, dada a relativa frecuencia deste topónimo en toda a zona, como p. ex. en Cervo.

OS CALVOS (Covas)
Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira referen a un lugar sen vexetación.

OS CAXIGÁS (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Plural de caxigal, lugar poblado de caxigos.

OS CORNIDOS (Boimente)
A orixe e significado dos numerosos topónimos "Cornedo", "Cornido", "Cornide" e similares é incerta. Posiblemente sexa un fititopónimo, derivado do latín cornus 'cerdeira brava', a mesma orixe que para o castelán cornejo. A presencia do sufixos abundancial -ido indicaría, por tanto, "lugar onde abundan as cerdeiras bravas".
A existencia do topónimo "Cornal" en Vedra, variante coa mesma raíz e distinto sufixo abundancial, parece confirmar esta hipótese e tornar aínda máis improbable a hipótese de I. Millán (cf. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987), que deriva "cornedo" e similares dun *kornetos 'círculo de Netos', onde *Netos sería o xenitivo dun teónimo celta. Alén diso, dada a abundancia dos topónimos "Cornedo", "Cornido", "Cornide", "Corneda", parece moi improbable a existencia de tantos "circulos de Netos" na xeografia galega.
Navaza rexeita tamén esta hipótese de Millán, no entanto postula a orixe fitotoponímica como apenas unha das posibles alternativas. Cf. aquí.

OS COUCES (Galdo)
Esta palabra ten múltiples acepcións. Nestes casos provén de calce "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

OS FABÁS (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Este topónimo é interpretado como plural de "fabal", 'terreo sementado de fabas' (cf. Dicionario RAG aquí). Así interpreta tamén Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega" aquí).
No entanto, tratándose dun núcleo de poboación, tampouco podemos desbotar totalmente a correspondencia cun antropónimo. Deste modo, poderíamos interpretalo cunha orixe en *(uilla) Fafilanis, forma en xenitivo xermánico de Fafila, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). De feito, está atestado "Fafianis" como topónimo ("Iohannem Muniz de Fafianis") nun documento de 1231 no Tombo de Sobrado. (cf. p. 224 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
É de notar que a evolución do -f- intervocálico para -v- é frecuente en galego (e.g. Stephanus > Estevo, defensa > devesa).
Esta orixe antroponímica parece reforzala o feito de que a maioría dos "Fabás" existentes na xeografía galega dan nome a núcleos de poboación ("Fabás" no Vicedo e en Vilalba, "Os Fabás" Vilalba, en Cambre, "O Fabás" en Vigo, "Muíño de Fabás" en Xove e en Vilalba).

OS LEÁS (Boimente)
Aínda que descoñecemos documentación antiga que o soporte, podería derivar de *(uilla) Ledilanis, forma en xenitivo de Ledila, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Alternativamente, tendo en conta que leva artigo diante, podería derivar de "lugar dos Leás", sendo "Leal" o apelido familiar, no senso de "legal, fiel".

OS MONTEIROS (Galdo)
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores." (cf. aquí), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”. Por tanto "Os Monteiros" indicaría posiblemente o lugar onde vivía unha familia cuxo ascendente se tería adicado á montaría.
As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais, foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efecto, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un foxo. 

Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras. Cf. A. Reboreda, "Espazos lupinos de Galicia: os foxos do lobo". 2009 (aquí).

OS NAVALLOS (Boimente)
Forma derivada de "nava" 'chaeira rodeada de montes'. É unha derivación análoga á do topónimo "Os Covallos", a partir de "cova".
Este apelativo aínda está vivo no portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde navalho  significa "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva", e tamén o salmantino "navazo" 'valle pantanoso', así como o aragonés "navajo" 'balsa para el ganado'. 
É un topónimo frecuente en Galiza, tamén na forma singular "O Navallo". Hai cerca outro "Os Navallos" en Riobarba.

OS PARAÑOS (Covas -lugar da Insua, Valcarría)
Carré Alvarellos define "paraño" no seu dicionario galego como "lugar amparado, protexido". Cf. aquí. Podería significar "terra con certos "privilexios", acepción rexistrada en portugués."
Outros significados, como o de "aparador" ou o tamén recollido en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira", poderían estar relacionados con pedras asociadas a construcción megalítica antiga, de feito as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros".

OS PARDIÑÁS (Covas)
Plural de "pardiñal", o mesmo que "pardiñeira". Ver "A Pardiñeira".


Mirador fronte a Piago
OS PASOS DO REQUEIXO (Galdo)
O termo "pasos", indica un lugar polo que se pasa, posiblemente para cruzar un río.
Para "Requeixo", ver "O Requeixo".

OS NASEIROS (Chavín)
Ver "Naseiro".

OS TARABELOS (Chavín)
Talvez derivado do alcume dun posuidor: tarabelo significa, entre outros, "veleta", "toleirán", voluble.
Alternativamente, de orixe paleoeuropea (pre-céltica), derivada da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". De feito, esta é a hipótese de E. Bascuas para este topónimo (aínda que tamén admite a posibilidade de ser un alcume). Cf. p. 281 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
O topónimo "Pena das Tarabelas" en Muras, onde o significado "outeiro, pena" si que é confirmado, ou "O Alto da Tarabela" en Riós.
Nicandro Ares deríavao do diminutivo de "trabe" ou tamén do latín terebra 'trade'. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011. Co maior respecto para o ilustre N. Ares, cremos que estas hipótese é desbotable, unha vez que correspondería con unha apelación anecdótica, que non explica a coincidencia da súa ocorrencia en topónimos referidos a lugares altos.

OS VICÁS (Valcarría)
Ver "Os Bicás".

OURAOS (Covas) 

Probablemente se trate dun hidrónimo prerromano, con orixe sería na raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír', a mesma orixe que para o río Ouro, atestado na Idade Media como Aurio, para o que Bascuas postulou xa esta orixe (cf. p. 124 de E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 

Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do "río Ourubio" (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea. 

Por outro lado, non podemos descartar que se refira a un etnónimo,  uns posesores ou fundadores oriúndos dun sitio chamado "Ouro" ou similar, incluso de "Aurá" (Aurao > Ourao).

Non cremos probábel a interpretación de "ourao" como adxectivo relativo a ouro, indicando "(agro) moi bon" (cf. A. Llamazares, p. 151 aquí). Igualmente, F. Villar relacionou tal topónimo co latín aureum 'de ouro, dourado' (cf. aquí), aínda que por outra banda, Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos.

Existe un "Ourao" en Magazos e outro en Loiba (Ortigueira), así como "Aurá" en San Pedro de Viveiro e un "Costaaurá" en Mañón.

OUTARIZ (Valcarría)
De *(uilla) Autarici, forma en xenitivo de *Autaricus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

PABOI (Magazos)
De *(uilla) Paponi, forma en xenitivo de Paponius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.


PADRÓN (Galdo)
Os dicionarios galegos inclúen "padrón" como "Marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L. Carré, dicionario). O mesmo significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos(cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Os topónimos "(O) Padrón", "Padronelo" e similares foron tamén analizados por J. Moralejo coa mesma conclusión (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina").

Por outro lado, como unha acepción para "pedrón", Eladio Rodríguez indica que "llaman también así nuestros campesinos al menhir". Con todo, Filgueira Valverde indica que “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural”. Cf. X. Filgueira Valverde e A. García Alén. , 1977. "Inventario de monumentos megalíticos. .."
O termo petronus está tamén rexistrado por Du Cange co significado de "acervus lapidum" 'morea de pedras' (cf. Du Cange. "Glossarium mediae et infimae latinitatis"  aquí).


PARDIÑEIRAS (Celeiro)
Hai varias posibilidades:
1) O mesmo que "pardiñeiro": 'casa arruinada e destartalada' (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
2) Sendo "pardiña" unha devesa ou chousa (cf. dicionario), entón "pardiñeira" significaría 'lugar de chousas, de campos valados' ??
3) Terra parda
Sexa cal for, é un topónimo moi frecuente en Galiza. En Riobarba e Bares hai tamén un "A Pardiñeira", en Covas atópanse "Os Pardiñás", en Muras tamén se rexistra o topónimo Pardiñas. En Laxe tamén se rexistra "Pardiñas", e nese caso hai quen aponta para a segunda acepción, de "devesa".

PÉ DE BOI (Viveiro)
O termo "boi" neste topónimo, pode provir ben do significado do animal "boi", talvez indicando que este lugar ten a forma dun pé de boi.
Alternativamente, podería provir da raíz pre-latina *boi- 'rocha, pedra', indicando talvez que está ao pé das rochas.

PEDRAFRITA (Celeiro)
Probable deturpación de "Pedrafita", "pedra chantada", lugar onde posiblemente houbo un marco, quer medieval de separación, ou talvez un menhir prehistórico.

PEDRAESCRITA (Celeiro -lugar de Alboi)
Probablemente indique a existencia dun petróglifo, tal vez prehistórico. Descoñecemos se se conserva.

PEDRIDO (Boimente)
Lugar onde abundan as pedras.

PEDROUZOS (Landrove, San Pedro de Viveiro)
O topónimo "pedrouzo", frecuente en Galiza, indica unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado", ou "cima penascosa". Cf. aquí .
Tén o mesmo significado o homólogo portugués pedrouço. Cf. aquí.

PEI CORVO (Galdo)
De "Peago Corvo". Un "peago" ou "piago" refere a unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. Ver "Piago" para máis detalles.
Neste caso, o adxectivo "corvo" indica "curvo", e por tanto sen relación co apelativo "corvo" de "ave". De feito, existe o topónimo "A Volta de Pei Corvo", no cal "volta" reafirma esta hipótese de "corvo".
Alternativamente, podería ser relativo a un antigo posuidor chamado "Paio Corvo", do mesmo modo que existe un "Percorvo" en Cervo, de "Pero Corvo", un "Xancorvo" en Xuances e un "Peiméndez" en Faro.

PEIMÉNDEZ (Faro)
Este topónimo dá nome a un terreo localizado nun cabo, enfrente da illa. Probablemente sexa relativo a unha persoa chamada Paio Mendes.

PEITORTO (Landrove)
Neste caso é un terreo na ribeira do río. Posiblemente de "Peago Torto". Un "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. Ver "Piago" para máis detalles.
É, por tanto, un caso similar ao de "Pei Corvo" de Galdo.
Alternativamente, relativo a unha persoa chamada Paio Torto, do mesmo modo que existe un "Peiméndez" en Faro.

PENACABAL (San Pedro de Viveiro)
De Pinna Caparii, sendo Caparii a forma en xenitivo de Caparius, antropónimo referindo o posesor da Pena.  Cf. M. Costa aquí.

PENAHEDRÁ (Galdo, Magazos)
Talvez podería provir de "pena hedrada", aínda que é improbábel a evolución edrada>edrá.
Unha posibilidade, aínda que remota, sería de *Pinna Hadriana, pena dun posuidor chamado Hadrianus.


PENA MOSQUEIRA (Galdo -lugar de Chao da Rega, Vieiro -lugar da Silvarosa)
Podería estar orixinado pola existencia de "mosqueira", unha clase de herba silvestre. Cf. aquí.

Alternativamente, sinónimo de "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DDD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

PIABADE (Vieiro)
Talvez relativo a unha persoa chamada Paio Abade, do mesmo modo que existe un "Peiméndez" en Faro.

PIAGO (Magazos)
Un "piago" ou "peago", do latín pelagus 'pozo', é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río, o cal é o caso deste piago.
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio" (cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII).

PO (Valcarría)
O termo "po" está documentado en galego co mesmo significado que en portugués, "partículas en suspensión no aire". No entanto, non fica claro o seu encaixe nun topónimo.

PONTELLAS (Magazos)
Derivado do latín ponticula, diminutivo de "ponte". É de notar o paralelismo deste termo co máis moderno "pontiga", o cal se trata dun semi-cultismo, frente a "pontella" que é a forma que seguiu o curso normal da evolución do galego.

PUMARIÑO (Boimente, Chavín)
Indica un pequeno "pumar", un 'horto de froitas, xeralmente maciñeiras'.

PUNTA CAMPO MILLÁN (Faro -lugar do Monte Faro)
Referido ao nome da planta que aparece nos terrenos de cultivo, unha planta "poácea".
Cf. portugués Milhã.

PUNTA MOGARÓN (Faro)
Posiblemente o termo de orixe prerromana. Cabeza Quiles propón unha base *mok- ou *muk-, "prominencia, altura" e sobre ela explica os dous "Mogor" galegos máis coñecidos. Porén, a documentación antiga rexistra para estes "Moogor" e "Moagor", descarta tal orixe. Hai outras orixes prerromanas alternativas, ver >>esta entrada de blog para máis detalles.
Alternativamente, tratándose dunha punta costeira, podería  referirse simplemente ao peixe de nome "mógaro", 
tal como ocorre cun coído en Nois (Foz) chamado "O Mógaro".

RANDAMIL (Magazos)
De (uilla) Randemiri, forma en xenitivo de Randemirus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

Atopamos non moi lonxe outro Randamil en Couzadoiro (Ortigueira).

REBOIRAS (Valcarría, Boimente)
Do latín vulgar roboria, "carballo". Non se conservou no galego actual, excepto no caso de "rebolo", carballo que ten nas follas unha pubescencia branca, e tamén os carballos novos.
No dicionario de Aguirre "reboira" figura como ‘rebolta’ (camiño de volta, o máis longo).

REBOREDO (Faro)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

RECECENDE (Valcarría)
De (uilla) Recesuindi, forma en xenitivo de Recesuindus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Aínda que non atopamos atestado este topónimo, si que o está o homónimo "Rececende" da Pontenova, que figura como Recessuindi nun documento do ano 935. Cf. p.309 de E. Flórez, "España Sagrada", tomo XVIII.

REGO BEIRIZ (Viveiro)
A forma do nome Beiriz indica que probablemente esteamos fronte a unha evolución dun nomen possessoris, quer dicir, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), que posiblemente estivese localizada ao pé deste rego.
Atópanse outros Beiriz na xeografía galega e portuguesa, todos eles correspondentes con núcleos de poboación, o que proba ser un nomen possessoris.
Dada a terminación en -riz, trátase dun nome de orixe xermánica; concretamente, podería ter sido un *(uilla) Viderici, forma en xenitivo de *Videricus (cf. aquí), aínda que autores como Piel deixan en dúbida o nome concreto. Cf. p. 228 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.

REGO DAS VARAS (Galdo, Magazos, Viveiro)
Aínda que a orixe do termo "varas" non se poida rexeitar a transparente de "pau longo e delgado", moi probablemente non teña relación e se trate dun topónimo de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derivan os numerosos topónimos "Vara" da forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. De feito, para este "rego das Varas", Bascuas indica que probabelmente se trata dun hidrónimo reinterpretado como apelativo. Cf. p. 143 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

REGO DE MEIXOFRÍO (Covas)
Rego que nace en Manxofrío (Riobarba). É curioso que leve o nome Meixofrío, en canto que o lugar de Riobarba que o orixinou se chama agora Manxofrío.
Para máis detalles, consultar a información sobre ese lugar de "Manxofrío" >> na web Toponimia do Vicedo.


REGO DE PADRÓN (Galdo)

Ver "Padrón".

REGO DE XUDREIRO
(Chavín, Valca,rría)
O termo "xudreiro" é adxectivo derivado de "xudre". Os apelativos "xudre", "zudre" ou "xurro" tén dúas acepcións: unha de "liquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, corresponde ao de "auga que escorre de chuvia, torrente".
Como dato adicional, cremos que, aínda que os apelativos "xurro", "xudre" e "zudre" teñen unha orixe etimolóxica no tema *sei-dh-, derivado da raíz indoeuropea *sei- 'verter, chorrear, pingar', coa extension -dh-. B. Prosper confirma a presencia deste tema *seidh- na hidronimia europea. Cf. p. 127 de B. Prosper "Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica". 2002.

REGOMOZO (Boimente)
Composto de "Rego Mozo", onde "Mozo" indicaría o nome ou apelido do posuidor. Nicandro Ares apunta que o antropónimo Mozus está rexistrado en 1158, así como o apelido. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011.

REIBERTE (Valcarría)
De *(uilla) Raniverti, forma en xenitivo de Ranivertus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Foi analizado por J. Piel, en 'Notas de toponímia galega', 1953.

RIAÑO (Chavín)
De *Rivu angulu 'ángulo do río'. Tería evolucionado *Rivu angulu > *Riang'lo > *Rianllo > Riaño, nunha evolución análoga á de ungula > unlla > uña.
Os topónimos "Riaño" e "Riaña" teñen sido estudados entre outros por autores como Piel (cf. J. Piel, "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945).
Este topónimo de Viveiro foi referido por E. Bascuas (cf. pp. 526-527 "La hidronimia de Galicia. Tres estratos. Paleoeuropeo, celta y latino". In Estudios mindonienses. Nº. 24, 2008), que menciona a súa localización no "ángulo" do río de Boimente co río Landro.
O mesmo ocorría, por exemplo, co "Riaño" de León, documentado como Rianclo e Riangulo no século XI e que, aínda que agora inundado polo encoro, ficaba na cofluencia dos dous brazos do río Esla.

RIÑEL (Chavín -lugar da Maraleixa)
Talvez de *(uilla) Rinieri ou Rainieri, forma en xenitivo de *Rainierus ou *Rinierus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Alternativamente, aínda que pouco probable, derivado de "riañelo", véxase "Riaño".

Río DA GALLOSA (Covas)
O termo "Gallosa" probablemente indique "abundancia de rochas", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'.
Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.
É importante notar que tamén se rexistra como "Río da Gaiosa", o cal nos podería levar a unha interpretación distinta, baseada nun alculme "gaiosa" 'alegre'. Porén, cremos que a existencia doutros topónimos similares como "O Rego Galludo" en Ambosores descarta esta interpretación alternativa, e que a transcrición "Gaiosa" reflexa soamente unha pronuncia con "yeísmo".

Río DE LOIBA (Covas)
A orixe do topóniomo "Loiba" é incerta. A. Moralejo interpretábao como variante de "lobia", e por tanto cunha orixe no proto-xermánico *laubjo 'paseo, pavillón, emparrado'.
Porén, os dicionarios de galego rexistran soamente "lobio", en canto que o femenino "lobia" non aparece neles.
Alternativamente, pode interpretarse como hidrónimo de orixe prerromana, posiblemente da raíz indoeuropea *(s)leub- 'deslizar'. En efeito, Krahe indicaba unha forma básica *lup- presente en hidrónimos ibéricos e europeos. Do mesmo modo, D. Kremer, dun paleoeuropeo *lupia, tal como interpreta a gravura rexistrada no distrito de Braga. Cf. aquí.

Río LANDRO (Chavín)
Posiblemente do céltico *landa- "terreo cultivado" (cf. aquí), ou da relacionada raíz indoeuropea *lendh- 'campo aberto, matorreira', ou da tamén raíz indoeuropea *lendh- 'húmedo, fonte', segundo D. Kremer (cf. aquí).

Río LANDROVE (Landrove)
Probablemente relacionado co hidrónimo "Landro" (ver "Río Landro"). De feito, sostemos que ten unha orixe nun composto Landro + ove , onde "Ove" derivaría do tema hidronímico paleoeuropeo *up-, e por tanto *"Landro Ove" significaría "río Landro".
Lembremos a existencia do río "Ove", en Ribadeo, coa mesma orixe. Outro caso é o de "Pontoibo", nas Pontes, que interpreta Bascuas como "Ponte Oibo" < "Ponte Upio". Tanto "Ove" como "Oibo" indicarían "río" ou "regato". En efecto, este tema *up- foi estudado por múltiples autores, como E. Bascuas (cf. p. 191 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006). Aínda na actualidade, upe significa 'río' 
na lingua lituana.
Tería por tanto o mesmo tema que o mencionado río "Ove", así como tamén co río "Eo", antigamente chamado "Euue".

É importante notar a existencia nas Somozas dun lugar chamado "Ponte Landrove", que semella indicar que "Landrove" foi tamén o antigo nome do río que o cruza. Esta nova ocorrencia de "Landrove" como hidrónimo, semella reforzar a hipótese comentada, e tornar máis improbable a hipótese alternativa comentada de seguido.
Alternativamente, é máis común a interpretación de relacionalo co sufixo céltico -obre ("castro"). En efecto, esta é a hipótese de J. Moralejo (cf. aquí) e de M. Costa (cf. aquí). Porén, cremos esta interpretación máis improbable, pois nese caso non encaixaría tan ben coa existencia do topónimo "Landro", polo menos relacionado xeograficamente. No entanto, esta hipótese -obre, que descarta a orixe hidronímica, non explica que existiran dous ríos non relacionados e ambos chamados "Landrove". Se non tivese orixe en hidrónimo, semella moita coincidencia.
Por outro lado, Moralejo relaciónao co adxectivo céltico *londos 'bravo, salvaxe' ou co galego "landra".

Sexa como for, o termo Landrove, referido á parroquia, xa figura atestado en 1128: 'Iohannes de Coua, Sancta Maria de Goaldo, Sanctus Iulianus de Landroue, Sancta Eulalia de Mirel, Sancta Maria de Auriol ' (cf. CODOLGA: Mondoñedo 1128). Máis tarde,  en 
1631, figura atestado en castelán como "Landobre" no "Censo de la Sal".

RIQUIÁN (Covas)
De (uilla) Rechilani, forma en xenitivo de Rechila, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Este núcleo de poboacion figura atestado no século XVII, como "Requián", formando parte das posesións dos dominios territoriais do Priorato de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de C. Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986.

ROUFELLE (Celeiro)
Posiblemente de *(uilla) Roufelii, forma en xenitivo de Roufelius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

RUBÁS (San Pedro de Viveiro -lugar de Valdemirós)
Os topónimos "Rubiás" e "Rubás" teñen orixe controversa, posiblemente distintas orixes segundo o caso.
En xeral, é interpretado como derivado de "(terras) rubás", indicando, por tanto, terras de cor "ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. De ser esa a orixe, posibelmente indicase terras barrentas, ou terras ferruxinosas, incluso hai quen o atribúe á cor da flor da queiroga (as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro).
Por outro lado, podería derivar dun topónimo Rubianes, topónimo atestado na Idade Media en Galiza, e que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus. Cf. A. Boullón
, 1999, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)". 
Alternativamente, J. Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

RUBEIRA (Landrove)
Ver "A Rubeira".

SACIDO (Covas)
Lugar onde abundan (ou abundaron) os salgueiros. A súa orixe
 etimolóxica é no latín vulgar *SALǏCĪTŬ, formado a partir da base latina SALǏCE 'salgueiro'.
Existe outro topónimo Sacido no Vicedo.

SARNELAS (Vieiro)
Probablemente de "As Arnelas". Ver "A Praia da Arnela".

SERNANDE (Chavín)
De (agru) Sisenandi, referindo un posuidor medieval de nome Sisenandus, nome de orixe xermánica.
A transformación de -sn- para -rn- é un fenómeno coñecido no galego e no portugués (cf. p.382 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).
Ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu; no entanto, tampouco se pode rexeitar a priori que ese lugar tivese sido unha uilla medieval (explotación agrícola).

SOBRADO (Faro, San Pedro de Viveiro)

O apelativo "sobrado" refere en galego ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". Xeralmente, é interpretado como derivado de superatum, pero no senso de 'sitio alto, eminente'. Así, I. Millán defíneo como "tierra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. " Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Isto encaixaría por exemplo no caso do  "Monte Sobrado" en Xove.
Por outro lado, J. Piel interpretou "sobrado" como pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala), as tres denominando "residencias máis ou menos fidalgas" (cf. J. Piel en "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953). Aplicaríase, xa que logo, no senso de casa de certo lustre ao ter varios andares.
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de "suberatum", tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

SUASBARRAS (Covas, Valcarría)
Composto de "Su as Barras" 'ao pé das barras', 'pola parte de baixo das barras'. 
Canto a "barras", tería o significado de "bancos de area na entrada do río". Aínda que improbable, alternativamente tamén podería ser "parras, emparrados" (cf. DDD).

SUEIROS (Galdo)
Terreo da familia dun posuidor chamado (ou apelidado) "Sueiro", nome de posible orixe sueva.

SUMORGADE (Boimente)
De "su Morgade", indicando un lugar pegado a Morgade, pola parte de baixo (a preposición "su" indica "situado a carón de, ao pé de").
Para "Morgade", ver a entrada correspondente.

TARANCOS (Galdo)
Posiblemente relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso").
O filólogo E. Bascuas analizou os topónimos "Taranco", "Tarancón", que inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, e derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar", co sufixo prerromano -anko. Cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia", 2006.
É un topónimo relativamente frecuente, así, existe "O Taranco" no Viveiró, en Frexulfe e en Silán.

TRONOS (San Pedro de Viveiro)
O filólogo E. Bascuas analizou este topónimo, que inclúe, con certas reservas, entre os de orixe paleoeuropea (pre-céltica), e deriva da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Descarta calquer relación co apelativo "trono" pola falta de senso nun topónimo. Cf. p. 342 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia", 2006.

VAL DE FLORES (San Pedro de Viveiro)
Aínda que descoñecemos documentación antiga que o probe, pode tratarse dun *"Val de Froila", pois moitos "Flores" existentes actualmente na toponimia galegas remiten ao patronímico de orixe xermánica Froila. Cf. aquí.
Nicandro Ares indica como posibilidade o patronímico Flores ou Flórez, derivado dun Florius. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011. Non se explica por qué non evolucionou para Choiro, tal como ocorreu nos casos análogos de Chorente, Chavín, Chorexe, etc. Talvez fose un nome reintroducido despois do paso fl->ch-, aínda que non hai probas ao respecto.

VALDEMIRÓS (San Pedro de Viveiro)
Etimoloxía incerta.  Podería vir de "Val de Mirós". Daí "Mirós" derivaría de Mirolo, de Miro, co sufixo hipocorístico -olo, que evolucionou para -ó. Hai varios topónimos "Mirós" en Galiza: un en Cartelle (Ourense), outro en Riós (Ourense), outro en Valdoviño (A Coruña).
Alternativamente, proviría de "Baldemirós", derivaría de Baldomiro, nome de orixe xermánica, co sufixo hipocorístico -olo.
Nicandro Ares, indica que a orixe é Baldemirus, e que o nome real e Valdemiros, con acento no "i". Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", Vol I, 2011. Porén, os topónimos derivados do caso nominativo son moi infrecuentes e, ademais, non se explica o movimento de sílaba tónica de *Valdemiros para Valdemirós.
Como terceira hipótese, relacionado co elemento hidronímico prelatino *mira. Cf. R. Pedrero. "El hidrónimo prerromano Mira".

Piago

Sexa como for, é preciso ter en conta que se pronuncia (asumindo que a toponimia da Xunta o recolla ben, o cal non sempre ocorre) con "o" aberto, desbotando sufixos -onis/-ones, en favor dun sufixo -olos.

VIEIRO (Vieiro)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome. A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que este derivado venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro". En resumo, "Vieiro" indicaría, por tanto, unha explotación mineira ("vea de ferro") ou ben unha vea de auga. Cf. p. 139 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Por outra banda, Nicandro Ares interprétao como derivado de viarius "referido a vía, camiño, verea", ou incluso ao antropónimo Viarius. Cf. p. 835 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011.

VIGO (Landrove)
Do latín vicus 'aldea'.

VILAMARCOL (Magazos)
Este topónimo foi estudado por J. Piel, que o deriva de Uilla Mercurii, forma en xenitivo de Mercurius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
Alternativamente, Piel tamén indica a hipótese de Uilla Marculli, dun posuidor chamado Marcullus. No entanto, Piel cre que a primeira opción é máis probábel, por ser daquela Mercurius más frecuente. Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", in "Verba" 11 (1984). Cf. aquí.

VILAMEÁ (Valcarría)
Do latín Uilla Mediana. O termo "Mediana" pode indicar o adxectivo "mediana",
 situada equidistante a algo.
Cabeza Quiles propón o significado de "uilla dun posuidor chamado Medius ou Medianus", aínda que non o considera moi probábel frente a alternativa de "Vila do medio".

XANÍN (Galdo)
De (agru) Sanini, sendo Sanini a forma en xenitivo do nome dun posuidor chamado Saninus, nome rexistrado na Idade Media en Galiza (cf. Toxostoutos).
Ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu; no entanto, tampouco se pode rexeitar a priori que ese lugar tivese sido unha uilla medieval (explotación agrícola).
No entanto, tampouco podemos descartar a orixe alternativa como referencia a un posuidor chamado Xan, aínda que é moi improbable, pois esta forma non é utilizada nesta zona, onde o diminutivo non é en -ín senón o común en galego -iño.

XIMARÁS (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Ver "A Ximará".

4 comentarios:

  1. Caramba, moitísimas grazas por compartir estes apuntamentos con todos!! É moi interesante coñecer a orixe e é algo que non se debería perder. Grazas polo teu traballo!!

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polo teu comentario!.
    Comecei con este traballo porque me daba pena que se perdese a memoria viva que recolle a toponimia, ese rexistro de historia, mitos e lendas dos nosos antepasados. As súas interpretacións da paisaxe é unha chave para podermos entender mellor a súa cultura e como foi evoluíndo século a século. Ao fin, é unha das claves para entendérmonos a nós mesmos.
    Enfin, ver que hai xente que, dalgún xeito, aprecia o teu esforzo é motivante e axuda a continuar con este íngreme traballo, un sudoku no que deben encaixar nomes, historia e paisaxe.

    ResponderEliminar
  3. Este é un gran traballo Xosé. Moitas grazas por compartilo e felicidades.

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas a ti por ler o blog e polos ánimos!

    ResponderEliminar